Site icon Crónica3.com A Mariña

As reformas no Colexio Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo logran reducir o consumo e as emisións contaminantes en máis dun 40%

 Mondoñedo, 15 de novembro de 2020. As obras de rehabilitación integral que a Xunta de Galicia levou a cabo no Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo lograron reducir o consumo enerxético das instalacións nun 47,4% e as emisións contaminantes de dióxido de carbono nun 40,12%.

Así o confirmou o delegado territorial, Javier Arias, durante unha visita ao centro para comprobar o resultado da intervención, que contou cun investimento de 623.600 euros por parte da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Arias explicou que o maior aforro enerxético se produce no gasto en calefacción, logo de que se levaran a cabo traballos como a instalación dun sistema de illamento nas fachadas, no forxado baixo cuberta e noutros puntos do edificio, e a substitución das ventás por outras de maior estanquidade ao aire e resistencia térmica, incluíndo as caixas das persianas. Igualmente, redúcese o consumo de electricidade ao cambiar as luminarias existentes por equipos de alta eficiencia enerxética, con detectores de presenza nas zonas comúns.

No tocante á accesibilidade, instalouse un ascensor para subir a planta alta, ocupando parte dos aseos e obrigando polo tanto á súa redistribución e renovación. O proxecto tamén incluíu outras actuacións, como o derrubamento dunha edificación auxiliar de planta baixa que estaba adosada ao edificio principal e á que non se lle daba uso ningún, mellorando notablemente a imaxe do conxunto. Tamén se ampliou o ximnasio e puliuse o pavimento de terrazo en distintas zonas. No interior, colocáronse falsos teitos, pintáronse os paramentos e lacáronse as portas.

Arias lembrou que o Goberno galego está a “desenvolver unha programación de obras de mellora en centros públicos orientadas a poñer a disposición de profesorado e alumnado instalacións máis inclusivas, confortables e eficientes”.

Neste sentido, apuntou que a Consellería incrementou este ano en 30 millóns de euros o orzamento previsto inicialmente para obras, ata alcanzar os 51 millóns de investimento, coa intención de contribuír ao mantemento do emprego no sector da construción no actual contexto derivado da pandemia.

Exit mobile version