Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela pídelle á Consellería de Sanidade que estude a activación socioeconómica do Concello e que se levante o peche perimetral

 Burela, 20 de novembro de 2020. Os portavoces dos tres grupos municipais con representación na Corporación de Burela veñen de dirixirlle un escrito á Consellería de Sanidade para instala a que estude a activación socioeconómica do concello, mediante medidas alternativas ás actuais que manteñen pechados os establecementos hostaleiros e as entradas e saídas da vila desde hai días. No escrito solicitan tamén un reforzo dos rastrexadores e máis axilidade no resultado dos PCR.
O alcalde, Alfredo Llano, dixo “pedimos que se retire xa o confinamento e volver recuperar a mobilidade ao cen por cen. Tamén que se tiveran en conta unha serie de medidas para poder recuperar a actividade socioeconómica de Burela, desde logo respectando a seguridade sanitaria. Esa é unha cuestión que dixeron que ían transmitir ao comité clínico”.
O rexedor explicou que “desde o Concello de Burela, os tres grupos con representantes municipais: PP, BNG e PSOE, hoxe pola mañá mandamos unha nota dirixida á Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, onde se fai fincapé nesta petición, dado que no concello de Burela están entrando e saíndo todos os días máis de mil persoas por temas laborais e outras circunstancias. Ademais en Burela tivemos no mes de xullo un brote moi forte, onde case se acadaron os 200 positivos simultáneos máis moita xente confinada, e entón tivemos a hostalería e outros negocios abertos e sen embargo conseguimos un resultado excelente, combinando o coidado sanitario coa actividade socioeconómica. Penso que agora mesmo estamos nas mesmas condicións de poder facelo e por iso o reclamamos”.
Para Llano “temos que ter a capacidade resolutiva de conseguir asentar este equilibrio entre seguridade sanitaria e a actividade socioeconómica. Nosoutros tamén solicitamos que haxa máis axilidade na conclusión dos PCR, que se fagan o antes posible, e tamén buscar a vinculación rápido para poder atallar os contaxios. Ademais pedimos que haxa máis rastrexadores, que cremos que son fundamentais, pensamos que se debe dotar de máis persoal e actuar o antes posible para romper a cadea de contaxios”.
O alcalde burelés subliñou que “hai unanimidade da Corporación na problemática que estamos tendo agora en Burela. Estamos para traballar e cumprir o obxectivo común, que non é outro que acadar un resultado positivo con respecto aos contaxios, pero ao mesmo tempo queremos que se vaian buscando solucións, que entre todos poidamos aportar, e saquemos algunha conclusión o antes posible. Con esta finalidade foi enviado este documento e aquí o positivo é que todos estamos de acordo en formular estas peticións”.

Exit mobile version