Site icon Crónica3.com A Mariña

Centos de persoas acudiron á concentración convocada polos hostaleiros de Ribadeo este sábado

 Ribadeo, 7 de novembro de 2020. Centos de persoas acudiron á concentración convocada polos hostaleiros de Ribadeo esta mañá. O sector denuncia a grave situación pola que están a atravesar desde o inicio da pandemia do covid-19 o pasado mes de marzo.
Empresas distribuidoras cos seus vehículos, comerciantes, clientes, traballadores e empresarios hostaleiros secundaron a chamada realizada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo. Portando pancartas, olas ou espumadeiras, entre outros utensilios, fixéronse escoitar acompañados polos pitos dos camións. A continuación un asociado da APEHL deu lectura ao comunicado do colectivo.
Os hostaleiros inciden en que “a crise do noso sector arrastra ás empresas distribuidoras, á pesca, ás carnicerías, á agricultura, ás panaderías… a toda a cadea de provedores”. E reclaman ás administracións “axudas directas para poder afrontar esta cadea continua de peches e de restricións de aforos”. O sector ribadense quere traballar: “levamos meses cumprindo coas normativas sanitarias en vigor en cada momento. Estannos a dicir que a porcentaxe de contaxios nos bares e restaurantes é moi baixa, entón non entendemos as medidas que se adoptan”.
Á concentración celebrada en Ribadeo acudiron o alcalde, Fernando Suárez, así como varios membros da Corporación Municipal. Acisa tamén estivo presente. Ata as inmediacións do Concello se desprazaron o presidente, Francisco Iriarte, o xerente, Jesús Pérez, así coma outros membros da directiva da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo.

Exit mobile version