Site icon Crónica3.com A Mariña

Feijóo avanza na súa visita a Leite Río a nova estratexia do sector para impulsar a innovación e chegar a transformar o 75% do leite que se produce en Galicia

Lugo, 16 de novembro de 2020. O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a nova estratexia do sector lácteo para impulsar a I+D+i e a profesionalización desta industria, co obxectivo de chegar a transformar o 75% do leite que se produce en Galicia.

Durante unha reunión cos directivos do Grupo Leche Río, Feijóo anunciou tamén que esta semana se aprobarán os Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano. “Uns Presupostos que presentamos ás poucas semanas de tomar posesión e co obxectivo de que nos primeiros meses de 2021 teñamos as contas ordenadas”, dixo, aseverando que supoñen un compromiso con Galicia, conscientes da situación que se está a vivir.

Deste xeito, precisou que os Orzamentos de 2021 terán como obxectivo paliar os problemas da pandemia e incluirán a conxelación de todos os soldos do Goberno galego. “Nestes momentos de dificultade, o Goberno da Comunidade ten que ser o primeiro en apertarse o cinto e mandar unha mensaxe ás familias e ás persoas que están pasando un mal momento; os Orzamentos de 2021 van para eles, para reactivar a economía, para inxectar capacidade económica aos sectores produtivos e para facer un investimento excepcional co obxecto de manter o emprego”, abundou.

No tocante á nova estratexia do sector lácteo que se presentará o vindeiro mércores, Feijóo subliñou que esta iniciativa contará con cinco eixes: produción, industria, mercados, cadea de valor, formación e innovación. “E aspirará ademais a aumentar o peso das denominacións de orixe protexidas de queixo na transformación industrial”, resaltou, asegurando que para iso se porán en marcha campañas de promoción das denominacións e a adaptación dos formatos e envases ás demandas do consumo.

Así mesmo, no eido da I+D+i e da profesionalización da industria, o presidente da Xunta destacou melloras na formación no referido á tecnoloxía industrial, loxística e seguridade alimentaria; e o impulso dun proxecto de investigación do sector coas universidade para reducir a pegada de carbono.

Logo de lembrar que esta estratexia forma parte do Plan de reactivación e dinamización do rural, que xerará un impacto económico de máis de 560 millóns de euros, o responsable do Goberno galego destacou o compromiso deste grupo co rural, reflectido nas máis de 450 explotacións coas que traballan: “Tenacidade, esforzo e inconformismo son as cualidades que definen a esta empresa”, concluíu.

Exit mobile version