Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Rural apoia a comercialización da carne de poldro de Pura Raza Galega, na que a provincia é referente

 Lugo, 22 de outubro de 2020. Medio Rural, Mar e Mocidade asinou un convenio de colaboración coa Asociación de criadores do cabalo de Pura Raza Galega (PURAGA), orientado á promoción da carne de poldro e a paliar en parte o impacto que a pandemia está a ter na comercialización deste produto de calidade nutricional e organoléptica.

Co acordo, que contempla unha achega de 5.130 euros, Medio Rural colabora coas iniciativas que a asociación está a realizar na restauración, con demostracións con degustación da carne fresca e tamén de produtos elaborados, como os embutidos.

A deputada nacionalista Mónica Freire Rancaño valorou a iniciativa e sinalou que dende “a área de Medio Rural sempre imos atender as demandas e necesidades das asociacións de agricultores e gandeiros como neste caso Puraga, que leva realizando nos últimos anos un traballo de valorización do Cabalo de Pura Raza Galega, como ferramenta para a xestión de espazos, buscando unha rendibilidade económica para os criadores da raza”.

Puraga vela desde 2005 pola conservación desta gandeiría, con gran valor medioambiental

Tamén destacou que o Cabalo de Pura Raza Galega“ten un gran valor medioambiental debido aos sistemas tradicionais da súa cría, que contribúen á conservación da paisaxe e de espazos naturais protexidos, ademais da importancia etnográfica e turística das rapas e curros espallados por toda Galiza”.

Puraga é unha asociación sen animo de lucro, creada en outubro de 2005, para preservar e protexer o Cabalo de Pura Raza Galega, velando polos intereses da raza, representando, defendendo e promovendo unha mellora na conservación da mesma e do fomento da cría entre os gandeiros e gandeiras de Galicia.

A asociación ten a súa sé no Viveiró, en Muras. Aínda que o seu ámbito de actuación é Galiza, a provincia de Lugo concentra o 65% das 122 gandeirías asociadas polo que gran parte do traballo da entidade desenvólvese neste territorio.

Puraga mantén un vínculo constante e diario cos criadores, reflectindo os problemas reais nos que se atopa esta gandeiría, e abordando tamén a súa incidencia no ámbito social, cultural, gastronómico, económico e medioambiental.

Así, parte do orzamento do convenio con Medio Rural destinarase á publicación dun libro divulgativo onde se amosa a influencia social e deportiva do cabalo de Pura Raza Galega, a historia da raza, a súa repercusión medio ambiental ou a cultura e tradición cabalar.

Exit mobile version