Site icon Crónica3.com A Mariña

A vindeira edición de Feira Náutico Pesqueira Expomar será do 19 ao 22 de maio. Da súa planificación e da posible ampliación do recinto falaron o Alcalde e a conselleira de Mar este venres

 Burela, 27 de novembro de 2020. O alcalde, Alfredo Llano, mantivo esta mañá un encontro coa conselleira de Sanidade, Rosa Quintana, para planificar a vindeira edición da Feira Náutico Pesqueira Expomar, que se celebrará do 19 ao 22 de maio de 2021. Comezan agora os preparativos do evento. Burela podería acoller unha vez máis a xuntanza do Consello Galego de Pesca, coincidindo coa feira. Na reunión analizouse a necesidade de ampliar o recinto feiral para cumprir cos protocolos covid e poder acoller a máis empresas.
O rexedor burelés contou que “o xerente da Fundación Expomar e mais eu estivemos reunidos coa conselleira Rosa Quintana, máis coa directora xeral de Pesca, Mercedes Rodríguez. Tivemos unha conversa para planificar Expomar 2021, cando corresponde facer a feira exposición. Temos a clara intención de intentar facer a feira, polo tanto imos darlle a todo para adiante, con todos os requisitos, planificando e ir contactando con diferentes expositores e diferentes empresas, porque consideramos as dúas partes que debemos darlle protagonismo ao sector náutico pesqueiro, e a nosa intención é favorecer este interese que ten a Consellería, máis Expomar, en facer esta feira, que sería os días 19, 20, 21 e 22 de maio de 2021”.
Llano subliñou que “hai moito interese por parte da Consellería tamén de que se efectúe esta nova edición de Expomar e tamén pedimos hoxe a ver si se pode contar como o ano pasado co Consello Galego de Pesca. Comentamos a necesidade de facer unha ampliación do recinto feiral para cumprir cos protocolos do coronavirus, e ademais para ampliar o espazo para que poidan acudir máis empresas e darlle máis importancia á feira”.
O alcalde engadiu que “foi unha conversa na que manifestamos, as dúas partes, a clara intención de beneficiar o máximo posible ao sector náutico pesqueiro e unha das fórmulas coa que contamos é facendo esta nova edición da Feira Náutico Pesqueira Expomar o ano que ven”.

Exit mobile version