Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo denuncia que o PP négase a apoiar a súa moción que pedía a reactivación da asistencia presencial na atención primaria

 Cervo 29 de novembro de 2020. No Pleno Municipal celebrado o pasado xoves 26, o Grupo Municipal do BNG de Cervo presentou unha moción en defensa da reactivación da asistencia sanitaria. Con esta moción pretendíase instar á Xunta a que “realizara de inmediato todas as accións precisas para activar a atención presencial en Atención Primaria para dar resposta ás demandas de atención pola COVID 19, mais tamén ao resto das patoloxías e rematar coas listas de espera neste nivel asistencial, co persoal e as medidas de prevención de contaxios precisos, para garantir unha atención sanitaria digna á poboación”.

Esta iniciativa ven motivada porque ante a pandemia provocada polo COVID19 a Xunta tomou a decisión de reducir drasticamente a asistencia presencial, o peche de consultorios, algúns centros de saúde e PACs, restrinxir consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas nos hospitais. A decisión que tomou o Sergas de que a atención se centrara preferentemente na consulta telefónica está ocasionando moitas dificultadas tanto aos profesionais para poder prestar a asistencia sanitaria como á poboación no acceso á mesma. Á situación de sobrecarga de traballo que padecían na Atención Primaria previa ao coronavirus fóronlle engadindo tarefas de diagnóstico, seguimento, illamento, identificación por coronavirus e funcións de rastrexo e, a maiores, unha sobrecarga da atención telefónica e da carga burocrática: teléfonos colapsados, persoal administrativo e celadores ao límite, soportando unha presión tremenda.

Na moción do BNG tamén se solicitaba ampliar co número de profesionais que sexa preciso nos centros de saúde, para permitir aumentar o tempo e a calidade da atención asistencial así como incorporar as categorías profesionais imprescindíbeis para formar equipos multidisciplinares e prestar unha atención integral: terapeutas ocupacionais, logopedas, podólogos, etc

Para levar a cabo todo iso, solicitábase na moción presentada o aumento dos orzamentos da Atención primaria, así como a modificación do Decreto que regula as Areas e os Distritos Sanitarios, para crear unha “estrutura de xestión da Atención Primaria con capacidade de decisión”.

Tamén facía mención a moción presentada polo grupo nacionalista ás listas de espera hospitalaria, solicitando da Xunta a posta en marcha dun plan de choque para reducilas.

Esta moción xa foi presentada noutros concellos, como o de Viveiro, onde o Partido Popular se abstivo. Para os concelleiros do BNG “o rexeitamento á moción deixa en evidencia, novamente, que os populares de Cervo, co seu alcalde á cabeza, entre a opción de defender unha sanidade pública universal e de calidade que beneficie á maioría da poboación de Cervo, ou a opción de defender as políticas sanitarias privatizadoras e de recortes da Xunta de Galicia, sempre optan pola segunda”.

Exit mobile version