Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Mondoñedo considera nulo o proceso que rexe a subasta pública do edificio Cabanela

 Mondoñedo, 06 de novembro do 2020. O BNG considera nulo de pleno dereito o acordo ditado pola Xunta de Goberno Local e alega que lle corresponde a competencia para a venta deste inmoble ao do Pleno da Corporación Municipal.
O BNG presentou no día de hoxe un recurso de reposición ante o acordo adoptado pola Xunta de Goberno Local no que se aproba o expediente de venda da antiga casa de Cabanela polo procedemento de subasta pública.
O voceiro do BNG no concello de Mondoñedo, Eloi Cabanas, afirma descoñecer en base a que delegación de competencias a Xunta de Goberno Local acorda a enaxenación deste inmoble e lamenta, como integrante da corporación municipal, que se estean vulnerando os seus dereitos como cargo público e representante da cidadanía na participación e toma de decisións que lle competen.
O concello adquiriu o antigo Hospital de Cabanela en outubro do 2019 para poñelo en funcionamento con fins de interese social e agora, segundo indica o edil nacionalista, esta finalidade só vai estar garantida por un período de cinco anos.
Cabanas critica o cambio de opinión do goberno municipal con este inmoble en tan pouco tempo, lamenta que non se cumprira o compromiso de poñer en funcionamento máis actividades na parte do edificio que non foi cedida para uso como centro de menores e pregúntase cales son as razóns polas que o goberno municipal se desentende deste edificio. “o goberno debería explicar porqué acepta agora que este inmoble se poida dedicar nun futuro a outros usos distintos aos que motivaron a súa compra”.

Exit mobile version