Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG demanda que o Estado e a Xunta transfiran “fondos extraordinarios” aos concellos para os gastos da COVID

 Santiago, 10 de novembro , 2020. O BNG demandou hoxe na Cámara galega, a través dunha moción defendida polo deputado Luís Bará, que o Estado e a Xunta transfiran “fondos extraordinarios” para que os concellos poidan facer fronte aos gastos derivados da COVID-19.

Na súa intervención, o parlamentario lembrou que os concellos galegos están a asumir máis competencias e gastos a pesar de non contar con fondos suficientes para facerlle fronte e mentres tanto, o Goberno central e a Xunta dispoñen de fondos extraordinarios da Unión Europea ou ben pola vía de endebedamento. A maiores, a Xunta traslada competencias aos concellos con gastos extraordinarios para limpeza e desinfección dos colexios.

Madrid nos rouba

Bará lembrou que os concellos galegos deixaron de ingresar 2.000M€ dende o ano 2004 e 50 euros menos por habitante ao ano, a respecto da media do Estado. Nesta liña, afirmou que “todos os grupos políticos defenden un cambio deste “sistema discriminatorio e inxusto con Galiza” pero cando goberna en Madrid o PP ou o PSOE “non fan nada por cambialo”. Para o deputado nacionalista, un novo sistema de financiación debe priorizar o criterio de poboación, dispersión xeográfica e envellecemento. Estas circunstancias, asegura Bará, inflúen no gasto da prestación de servizos e en Galiza rexistrase case a metade dos núcleos de poboación do Estado, 30.240 de 61.707 e “Madrid nos rouba” sentenciou.

Os concellos do PP beneficiados no reparto de fondos

Bará solicitou canalizar a través do Fondo de Cooperación local a participación dos concellos nos ingresos da Xunta e regular por lei o fondo e os criterios de reparto para acabar coa “distribución partidista dos recursos públicos”.

Os fondos que a Xunta destina aos concellos siguen tres vías, explicou o parlamentario do BNG: Fondo de Cooperación Local con 153,8M€ repartidos co mesmo criterio para todos, subvencións que poden ser en concorrencia competitiva (por valoración dos proxectos) ou por concorrencia non competitiva (por orde de chegada) e Convenios dos que “saen beneficiados o 90% dos concellos do Partido popular” como acontece cos da Deputación de Ourense. Dende o BNG reclamamos que se poña en marcha o acordo unánime dos grupos políticos que conforman a FEGAMP para que os fondos formen parte “dun único fondo distribuído con criterios obxectivos de reparto e iguais para todos”.

A transparencia debe rexir este reparto polo que é necesaria unha aplicación que reflicta as cantidades recibidas por cada concello e en que contías.

A pandemia afoga aos concellos que cada vez máis precisan dunha maior capacidade de gasto polo que apelou a facer uso dos remanentes e do superavit para acometer gastos sociais e investimentos. Os concellos deben ter acceso aos 700 millóns de euros retidos nos bancos.

Finalmente, o deputado reclamou derogar a Lei Montoro para eliminar os límites en materia de gasto público, endebedamento e contratación de persoal e conclúiu pedindo “equidade, transparencia e xustiza no reparto dos recursos”

O PP rexeitou todos os puntos da moción nacionalista recollidos no acordo da FEGAMP aprobando só o punto 8 relativo a demandar do goberno do Estado modificar a lexislación en materia de estabilidade financeira que afecta ás entidades locais (flexibilización da regra de gasto, regulación e límites do endebedamento local e outras cuestións relativas a esta normativa).

Exit mobile version