Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo abre un prazo ata o 4 de decembro para que se adhiran novos establecementos á campaña das Panchas

 Ribadeo, 29 de novembro de 2020. O Concello abre un prazo ata o 4 de decembro para que se adhiran novos establecementos á campaña das Panchas, a moeda local de Ribadeo, que se ampliou ata o 5 de xaneiro de 2020.
Nunha comunicación dirixida polo alcalde, Fernando Suárez, e polo concelleiro de Economía, Desenvolvemento Local e Turismo, Pablo Vizoso, á veciñanza subliñan que debido á crise sanitaria ocasionada polo covid19 “o Concello teña como prioridade protexer e dar soporte ao tecido produtivo de cara a minimizar o impacto da crise e podamos saír reforzados desta situación”.
E engaden: “coñecedores de que nuns días estaremos no Nadal, un dos momentos nos que se produce un maior nivel de gasto por parte das familias, queremos axudarvos a reter a maior capacidade de compra nestes días especialmente importantes tendo en conta a tendencia á alza da compra en liña”.
Desde o Concello lembran que a ampliación da campaña das Panchas ata o 5 de xaneiro supón tamén unha ampliación da dotación económica en 20.000 euros “o que significa 2.000 packs mais e un total de 57.000 euros durante toda a campaña”. Tamén se amplía o prazo de validez de todos os billetes de panchas ata o 5 de xaneiro de 2021, elimínase a limitación do número de packs que pode comprar cada persoa, pero segue vixente a limitación de gasto de 80 panchas por compra. E tamén se amplían as datas de validación das panchas que pasará a ser o 30 de novembro, os días 3, 7, 14, 17, 21 e 28 de decembro de 2020 e os días 4, 11, 12, 13 e 14 de xaneiro de 2021 en horario de 9 a 14 horas.
Fernando Suárez e Pablo Vizoso sinalan que “queremos así dar resposta en maior medida ás vosas necesidades, facilitar o apoio da cidadanía a estes sectores tan importantes para a vida de Ribadeo e fomentar que teñades unha campaña de Nadal o mellor posible dentro desta situación”.

Exit mobile version