Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de medio cento de persoas en Barreiros reivindicaron a non criminalización da hostalería

Barreiros, 7 de novembro, 2020. Na mañá deste sábado tivo lugar unha concentración na Praza do Concello de Barreiros para reivindicar que se permita manter aberta a hostalería naqueles concellos afectados por altas cifras de contaxio, coidando todas as medidas oportunas, tal e como veu facendo ata agora.

A concentración, convocada pola Asociación Provincial de Hostalería de Lugo, foi secundada pola Asociación de Hostalería de Barreiros e apoiada polo Concello de Barreiros, comercio e Comité de Alcoa, xestos que agradece a asociación hosteleira local, así como que representantes de todas as forzas políticas estiveran
presentes no acto mostrando o seu apoio ao sector, que buscaba así ser escoitado polos diferentes gobernos competentes en dictar os últimos peches.

A asociación de Hostelería de Barreiros defende que non é este o sector culpable, e que non debe caerse na súa criminalización pois en todo momento debeu adaptarse ás diferentes medidas indicadas e non existe correlación nin causalidade demostrada en canto a que estando a actividade hostaleira aberta xurdan máis casos de contaxio por Covid. Así pois, reclámase que se valore esta medida e se permita funcionar a actividade hostaleira do mesmo xeito en que o resto de actividades consideradas esenciais. As perdas económicas xa existentes verianse gravemente agravadas con este novo peche.

Dende a asociación de Hostalería de Barreiros lanzan unha mensaxe de ánimo e apoio aos compañeiros e compañeiras do sector dos concellos afectados, moi especialmente a Burela e Viveiro, tan próximos xeograficamente e pertencentes á Mariña Lucense, comarca que en diferentes sectores tan afectada economicamente está a ser nos últimos tempos.

Exit mobile version