Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo recibiu unha subvención de 90.000 euros da Deputación para o arranxo da escola de Cedofeita

 Ribadeo, 27 de novembro de 2020. O alcalde, Fernando Suárez, fai un balance positivo da subvención de 90.000 euros que lle acaba de conceder a Deputación ao Concello para proceder ao arranxo da escola parroquial de Cedofeita, que en palabras do rexedor “era un perigo polo seu estado de conservación estrutural”. A eses 90.000 euros, repartidos en dúas anualidades, súmanse 40.000 euros máis que aportará o Concello para levar adiante esas obras.
O alcalde dixo que “logo de moitos anos de espera, hoxe é un bo día para a parroquia de Cedofeita. Nestes últimos anos fóronse amañando con diferentes programas, a meirande parte das escolas parroquiais do noso concello, con diferentes achegas, fundamentalmente do Estado, da Xunta de Galicia pero hai moito tempo, da Deputación, etc… Foron quedando algunhas destas escolas sen arranxar como a de Cedofeita, que hoxe en día constituía un verdadeiro perigo polo seu estado de conservación estrutural”.
Suárez Barcia lembrou que “por iso pedimos axuda á Deputación de Lugo para que nos botase unha man na resolución deste problema, e no día de hoxe a Xunta de Goberno da Deputación ven de aprobar, a instancias da Área de Cultura, a concesión dunha subvención de 90.000 euros, en dúas anualidades, para a execución dunhas novas instalacións culturais e sociais cifradas nuns 140.000 euros. O Concello de Ribadeo deberá, tamén en dúas anualidades, sufragar os 40.000 euros restantes”.
O rexedor engadiu: “valoramos moito esta actuación e poñémola en contraste con outras que recentemente non tiveron tan alta consideración por parte da Xunta de Galicia. Digo isto porque hai pouco pedimos tamén axuda para arranxar as escolas de Rinlo, Covelas e Remourelle nunha orde de convocatoria que tiña a Xunta de Galicia, pero non debeu ser interesante para ela que nos contestou que non acadábamos a puntuación abonda para ser merecedores de tal axuda. Con todo, non nos renderemos, como nunca o facemos, e habemos seguir loitando para que estas escolas, con axuda da Xunta ou sen ela, tamén se poidan mellorar nos próximos tempos”.

Exit mobile version