Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pescados Rubén aférrase ao triunfo coa eficacia de dous minutos

 Burela, 28 de novembro, 2020. O Pescados Rubén Burela FS regresa cos tres puntos de Majadahonda (3-4), aferrándose á eficacia de dous minutos da segunda parte, nun partido no que quizais faltou un pouco de intensidade laranxa. A pesar da meteórica vantaxe das Guerreiras, o conxunto local soubo dar a volta ao marcador para recibir o tempo do descanso con vantaxe 2-1. As galegas conseguiron achegarse ao botín con tres dianas entre o 27 e o 29, sen tranquilidade por unha nova aproximación madrileña no 36.

Como a semana pasada, o ciclón burelista arrincou vendo portería no primeiro minuto. A iniciativa irmandiña chegou aos 48 segundos de xogo, nun roubo que culminou Lara Balseiro ao segundo pau tras un grande entendemento entre Peque e Cris. Con todo o Pescados Rubén non soubo aproveitar esa vantaxe e sufriu máis do que se esperaba. Avisou en contragolpe o Rayo na medianía do primeiro acto con moito perigo e rendibilizou desde saque de esquina no 12 para poñer o empate, con Moni. Tras unha serie de tiras e afrouxa na pista laranxa e como avisara Peque na previa, Majadahonda cazou un balón morto próximo á área mariñá para subir o segundo con Marta (minuto 16) e chegar ao descanso mandando.

A imaxe e fluidez laranxas melloraron na segunda parte. Por fin chegou o empate no 27, co brillo de Cristina a pase de Lara Balseiro. E en menos de dous minutos recuperaron a vantaxe no marcador as galegas, co segundo da tarde para a viveirense Lara desde banda e tocando nunha defensa local, e ampliando con Cami de rexeite tamén desde banda. Lara, desde saque de esquina, Cilene nun mísil e Leti, pegada ao pau, fixeron méritos para o quinto para máis tranquilidade. Con todo, no 36, Majadahonda recortou con Tosti en estratexia. Peque e Dany dispuxeron das máis incisivas para ampliar distancias, aínda que o electrónico recibiu o son da bucina co definitivo 3-4.

Ficha técnica

Rayo Majadahonda AFAR4: Tresguerres, Carmen, Vero, Moi, Coral, cinco inicial; tamén xogaron Pitu, Cels, Chili, Pitxi, Marta, Tosti

Pescados Rubén Burela FS: Jozi, Cristina, Peque, Cami, Lara Balseiro, cinco inicial; tamén xogaron Ale de Paz, M. Cortés, Cilene, Dany, Bea Mateos, Elena Aragón

Goles: 0-1, minuto 1, Lara Balseiro; 1-1, minuto 12, Mónica Vergara; 2-1, minuto 16, Marta; 2-2, minuto 27, Cristina; 2-3, minuto 28, Lara Balseiro ( p. p. Moni); 2-4, minuto 29, Cami; 3-4, minuto 36, Tosti

Árbitros: Del Olmo Martínez // Arance García. Por Majadahonda amarela a Pitu (minuto 33 e 34). Por Burela amarela a Cristina (minuto 12), Jozi (minuto 38), Peque (minuto 38)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 7 de Primeira División Feminina disputado en La Granadilla de Majadahonda

Exit mobile version