O deputado e viceportavoz do PP, José Antonio García, di que a conformación do orzamento para 2021 supuxo “un novo desprezo do presidente Tomé ao grupo popular”. Explica que “por primeira vez en anos non se consultou o orzamento co grupo que representa a máis lucenses e a máis concellos”. Na mesma liña, García indica: “Tomé rompeu o consenso que naceu hai anos”.
En canto ao contido do proxecto orzamentario, José Antonio García, fai o seguinte resume: “decepcionante”. “É un orzamento que foi cualificado de continuista polo propio presidente Tomé, e continuísmo é precisamente o que non necesita a provincia para afrontar un ano tan especial como será o 2021, que esperemos que sexa o da saída desta crise sanitaria e económica”. Agrega o mesmo deputado provincial: “Coa situación que vive a provincia, o orzamento non pode ser continuista, ten que estar pegado á realidade da provincia para responder ás necesidades reais dos lucenses”.
José Antonio García apunta que o proxecto orzamentario suxire certa vagancia por parte do goberno provincial, sinaladamente do seu presidente. “Só así se pode entender que rompa a liña de consenso que se veu mantendo e que non buscara solucións consensuadas para as grandes contas dun ano difícil como será o 2021”.
Os populares están convencidos de que o goberno provincial deseñou a proposta orzamentaria polo procedemento de corta-pega, “esquecendo –di García- que é o instrumento máis importante para a provincia, ao que converten nun documento só de carácter administrativo lonxe dos problemas reais dos lucenses”.
O mesmo deputado popular destaca a pouca importancia que dá o presidente Tomé ao orzamento para o próximo exercicio. “Inclúeo na orde do día dun pleno no que tamén figura a liquidación de Suplusa, dous asuntos importantísimos”. García está convencido de que Tomé intenta tapar a extinción de Suplusa co debate orzamentario. “E con eses dous temas na orde do día, convoca a sesión plenaria para as 13.00 horas; iso parece indicar que non vai deixar ampliar os tempos de intervención”. Agrega: “Parece que Tomé quere liquidar rápido tan importantes asuntos para coller as vacacións de Nadal”.