Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela denuncia que Llano faltou ao compromiso acadado este pasado martes na xunta de portavoces

 Burela, a 19 de novembro de 2020. O PP de Burela denuncia que o Sr. Llano faltou ao compromiso acadado este pasado martes na xunta de portavoces ao solicitar publicamente na prensa a apertura de Burela cando en dita reunión quedara en facerse mediante unha declaración institucional conxunta entre os tres grupos da corporación.

Deste xeito o alcalde Llano viña a rectificar a súa absurda negativa a este respecto, trala solicitude feita polo voceiro popular no pleno matinal deste pasado luns no que se instaba á corporación a “empregar a ferramenta política máis forte da que se dispuña nestes intres para axilizar a apertura de Burela, especialmente do sector da hostalaría, unha declaración institucional que instara á Xunta de Galicia a abrir Burela se a melloría se mantiña”, indican dende o PP burelao.

Pero en tan só 24 horas volveu a cambiar de opinión pasando a trasladar aos medios de comunicación, de forma unilateral, a solicitude de apertura de Burela que lle ía trasladar á Consellería de Sanidade.

“Unha vez máis o Sr. Llano demostra o que realmente é, un alcalde sen palabra, sen criterio e agora tamén un alcalde sen honor”, declaran os populares. E pregúntanse “é este o alcalde que os veciños e veciñas de Burela se merecen”. “Que se pode esperar dun alcalde con esta falta de integridade”.

As axudas municipais para os autónomos e as empresas de Burela, un novo fracaso da xestión do socialista
Xa o adiantara o PP no seu momento, “as bases destas axudas eran inadecuadas e confusas e xa se vía que só ían alcanzar a unha mínima parte do tecido económico e empresarial da nosa vila”.

“Tan só o 15% dese tecido foi alcanzado polas mesmas e dos 125.000 euros anunciados aos catro ventos polo Sr. Llano, cando noutros concellos da nosa contorna a contía total era moi superior, apenas se repartiron 50.000 euros, nin tan sequera un 40% das mesmas”, aclaran dende o PP de Burela.

“Dende a formación popular exiximos que, os preto de 75.000 euros que quedaron sen repartir, se poñan novamente á disposición dos empresarios e comerciantes de Burela de forma inmediata, sendo especialmente sensibles no seu reparto cos sectores máis castigados pola pandemia, como por exemplo o sector da hostalaría”. E conclúen os populares, “se ao Sr. Llano lle queda un mínimo de dignidade debería de incrementar as mesmas, acorde ás cantidades que noutros concellos da nosa contorna se habilitaron para esta fin, relaxando esta vez o nivel de esixencia nas bases para que así máis autónomos, empresarios e comerciantes se animen a solicitalas”.

Exit mobile version