Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro expresa a súa satisfacción pola inclusión nos orzamentos da Xunta para 2021 de partidas para o saneamento da cidade e a mellora da estrada LU-540

Viveiro, 24 de novembro de 2020. O grupo municipal do PP manifesta a súa satisfacción polo feito de que nos orzamentos da Xunta para o ano 2021 aparecen consignadas partidas moi relevantes para algunhas das obras que necesita o municipio. O portavoz popular, Óscar Rodríguez, destaca que, unha vez máis, queda de manifesto o compromiso da Xunta co municipio de Viveiro.

Rodríguez destaca que nas grandes contas da Xunta para o próximo exercicio económico se incorporan 5,3 millóns para o saneamento de Celeiro e a depuradora de Viveiro, dúas intervencións de gran calado para o saneamento do concello.

Igualmente, os populares destacan que no orzamento da Xunta aparece recollida unha partida de case 252.000 euros para o plan de minimización de riscos de inundación en Xunqueira.

Para o portavoz popular, Óscar Rodríguez, é especialmente relevante a inversión programada na estrada LU-540, entre Viveiro e Cabreiros. Rodríguez fixo especial fincapé durante a campaña das pasadas eleccións locais en que traballaría para conseguir a mellora desta estrada, da que di que é a principal vía de comunicación da cidade do Landro coa capital lucense e coa Meseta. Segundo as previsións, entre as melloras a executar figura a rectificación de curvas, de xeito que todo o trazado se corresponda cunha velocidade superior a 80 km/h; implantación de novos tramos de carrís de adiantamento, nas zonas con pendente superior ao 3 %; mellora da seguridade fronte ao cruzamento de animais e da seguridade viaria en xeral. Está previsto o redeseño dalgunhas interseccións xa existentes e a mellora de carrís lentos.

Exit mobile version