Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG esixe o fin da manipulación e uso partidista da TVG por parte do PP

Lugo, 22 de novembro de 2020. O Grupo Socialista na Deputación de Lugo esixirá o vindeiro martes, a través dunha moción no Pleno da Corporación, o fin do uso partidista da TVG por parte do PP. Os socialistas demandan que o ente abandone as políticas de manipulación, sesgo informativo e enfoque partidista que incumpren os obxectivos legais co que foi fundada a TVG.

O PSdeG tamén reclama, a través desta proposta, o cese do actual director da CRTVG e a elección no Parlamento autonómico dun profesional de consenso, e que se recupere o diálogo cos traballadores e traballadoras e solucións para as queixas e denuncias que veñen formulando ante os obstáculos ideolóxicos que atopan para desenvolver o seu traballo.

Así as cousas, advirten que “case dende o primeiro momento, a televisión pública converteuse, en mans do PP, nun exemplo do que non pode, nin debe ser nunca un medio público: unha cadea marcada pola información partidista e manipulada, que agocha a pluralidade política da sociedade galega e silencia ou distorsiona calquera opinión crítica ou non coincidente cas directrices políticas dos gobernos populares”.

Lembran ademais que a situación actual de manipulación ten sido denunciada sistematicamente polas forzas da oposición, que reclaman que a cadea cumpra cos obxectivos de servicio público que quedan recollidos na Lei de Creación de 1984, que inclúe dun xeito expreso no artigo 16: “O respecto á liberdade de expresión, obxectividade, veracidade e imparcialidade das informacións”, así como a separación entre información e opinión e o respecto ó pluralismo político.

Cumpre recuperar a TVG como ferramenta de servizo público
Sinalan que tamén se sumaron as estas denuncias “os propios colexios de xornalistas, sindicatos e profesionais da canle pública, que veñen formulando queixas e reclamacións, con denuncias de inxerencias e directrices políticas, dun xeito especialmente significativo no eido dos informativos. Hai máis de dous anos que os traballadores e traballadoras comezaron a protagonizar accións de protesta, tanto nos “venres negros” como a través da plataforma Defende a Galega, convertida nun referente na loita pola imparcialidade e independencia dos medios públicos e que foi galardoada co Premio José Couso o ano 2019”.
Os socialistas argumentan que “os sucesivos gobernos do PP veñen facendo caso omiso a estas denuncias e, lonxe de poñer remedio á situación, acentuárona dende a aparición do coronavirus, momento no que a canle pública se converteu no altofalante exclusivo de Feijóo, evitando á oposición no Parlamento ó tempo que lle negaba a presenza nos informativos públicos”.
Por último, sinalan que “a actual situación de crise sociosanitaria e económica, con restricións na actividade normal, fai que a cidadanía precise máis ca nunca de información plural e veraz, non sesgada en función dos intereses dun goberno. Cumpre recuperar a TVG como ferramenta de servizo público”.

Exit mobile version