Site icon Crónica3.com A Mariña

O Vencello solicita aos tres grupos da corporación burelesa que prorroguen o prazo de exposición pública do inventario municipal de bens

 Burela, 3 de novembro de 2020. Dende a Asociación de veciños “O Vencello” creemos que o prazo de exposición pública para consultar a proposta de inventario municipal que o Concello de Burela pretende aprobar é claramente insuficiente.
Por iso, vimos de dirixirnos aos tres grupos municipais (BNG, PP e PSdeG) para que acorden prorrogar o devandito prazo de exposición pública a lo menos un mes máis.
O período de exposición pública deste importante documento remata inicialmente o vindeiro 17 de novembro, pero as particulares circunstancias que estamos a atravesar por mor do covid-19 (restricións de accesos, limitación da mobilidade, etc…) condicionan enormemente a súa consulta.
A isto temos que engadir tamén o difícil que é contactar vía telefónica co Concello para solicitar cita presencial nas oficinas da Casa Consistorial, polo que pensamos que so dous meses para aclarar dúbidas e presentar alegacións son escasos.
Creemos que o atraso na aprobación inicial do inventario de bens municipal non suporía ningún prexuízo para o Concello e agardamos que os tres grupos municipais concorden con nós e decidan prolongar a lo menos un mes máis o prazo de exposición.

Chamamento á veciñanza para consultalo.
Dende o Vencello queremos lembrar a importancia de ter un inventario municipal ben feito para unha eficiente xestión e uso dos bens locais.
Por iso, animamos a todos os veciños e veciñas do municipio a que se acheguen ás oficinas municipais para consultar a documentación e os planos que están a exposición pública.
Sabemos que nesta proposta que pretende aprobar o grupo de Goberno municipal existen moitos erros de gravidade que poden afectar a propietarios que actualmente descoñecen os pormenores do que pretenden catalogar como bens municipais; e sabemos tamén que se non se fan as correccións oportunas en tempo e forma despois poden xurdir problemas de difícil solución.
O que queremos, en definitiva, é que o Concello favoreza con feitos tanxibles e non so de palabra a participación dos cidadáns no procedemento e elaboración deste inventario e doutras normas públicas, e facilite así as aportacións veciñais a través de todas as canles legais existentes.

Exit mobile version