Site icon Crónica3.com A Mariña

Pescados Rubén participa no I Plan de Patrocinio dos Equipos de Alta Competición Femininos da Xunta de Galicia

 Burela, 16 de novembro, 2020. O Pescados Rubén Burela FS participou esta mañá na presentación do primeiro Plan de Patrocinio dos Equipos de Alta Competición Femininos de 1º Máximo Nivel Estatal da Xunta de Galicia xunto aos outros oito equipos beneficiados en 2020, con Ourense Envialia, Poio Pescamar e Cidade das Burgas en fútbol sala, Ensino Lugo en baloncesto, Porriño e Atlético Guardés en balonmán, Real Club Deportivo en fútbol e Club de Arquitectura Técnica en rugby.

No encontro virtual do programa, o vicepresidente laranxa José Luis Sáez representou o club mariñán, coa presenza de todos os equipos patrocinados, ademais da conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana Somoza, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o director xerente da Fundación Deporte Galego.

Dende a Secretaría Xeral para a Igualdade, José Ramón Lete Lasa tivo unha mención especial ao labor que se está a desenvolver no fútbol sala, cunha ampla representacion na elite, ademais de cualificar o Pescados Rubén “como un exemplo de traballo en igualdade, coa sinatura dun convenio propio de xogadoras profesionais, ademais de ser un referente nos éxitos deportivos”. A conselleira de Igualdade, María Jesús Lorenzana, incidiu ademais nas xogadoras de máximo nivel como “as mellores embaxaidoras na posta en valor da importancia do deporte non só como beneficio físico senón como elemento de cohesión social”.

Partido dedidado, 5 de decembro

Encadrado nas accións publicitarias do patrocinio, o Pescados Rubén Burela dedicará o partido do 5 de decembro á loita pola igualdade efectiva de mulleres e homes. Será na xornada 8, coa visita de Xaloc Alacant a Vista Alegre, como peche para 2020 nos encontros na casa, un 2020 que a Familia Laranxa despedirá cunha mensaxe de sensibilización fronte á violencia de xénero e agardando que 2021 comece cunha sociedade mellor neste sentido e con boas novas tamén na vitoria contra a Covid-19.

Exit mobile version