Site icon Crónica3.com A Mariña

Primeira Masculina. ElPozo 2-1 Pescados Rubén

 Burela, 17 de novembro, 2020. O Pescados Rubén Burela ofreceu, unha vez máis, unha imaxe de fortaleza de equipo, con madurez e claridade nas ideas de xogo nun calendario moi esixente, fronte ao potencial de ElPozo Murcia (2-1), que soubo aproveitarse para aferrarse ao marcador co xogo de cinco galego. Tras a rápida vantaxe dos mariñáns, con denominación de orixe dunha Xoia, os murcianos igualaron antes do descanso de rexeite e conseguiron poñerse por diante en contragolpe, a falta de 11 para o final, co porteiro-xogador visitante.

Empezou moi ben a escuadra galega sorprendendo a ElPozo no minuto 3. Giasson gañou a pugna polo balón na banda coas filas murcianas e serviulla a Pitero, ao bordo da área, para sortear a Juanjo. O pau evitou o que podía ser o segundo dos laranxas pouco despois. A mellor dos Giustozzi, que non acababan de atoparse cómodos, chegou no minuto 8, cun lanzamento de Leo Santana, que sacou Ismael na liña de meta. Pediu o adestrador local máis agresividade en posesión, aínda que o Pescados Rubén non llo puxo nada doado, manténdose fiel á súa filosofía de loita, buscando a rede rival. Paradynski conseguiu a igualada a cinco para o descanso, cazando un rexeite do pau desde saque de esquina. A estratexia a punto estivo de dar o segundo para os galegos no último minuto, na consonancia entre Renato e Mata, con remate de Javi Rodríguez que se foi por pouco.

Pitero avisou pola banda na continuación fronte a un rival máis intenso, freando a elaboración e a saída de presión dos galegos. O 6 burelista tivo outra de ouro no 29, en carreira, cunha aparición providencial de Juanjo. Optou Juanma Marrube por xogo de cinco con Matamoros para cambiar o ritmo e poder saír de cancha propia; con todo foi ElPozo o que aproveitou a súa primeira oportunidade para adiantarse con Paradynski, de novo, en roubo de Leo Santana. Edu freou a arremetida de Alberto García no 33 para manter o marcador sen moverse e continuou Burela no seu empeño de atopar algo positivo na súa aposta por porteiro-xogador, aínda que non apareceron os espazos necesarios.

Sábado 21, Tarde Laranxa

A semana dos pupilos de Juanma Marrube pecharase na casa, o sábado, coa visita de Jaén Paraíso Interior (20.30 horas), na xornada 11. Para abrir a Tarde Laranxa con dobre sesión en Vista Alegre, as Guerreiras mediranse ao Sala Zaragoza (16.30 horas) na xornada 6.

Ficha técnica

ElPozo Murcia Costa Cálida: Juanjo, Valerio, Marcel, Matteus, Paradynski, cinco inicial; tamén xogaron Miguelín, Leo Santana, Fernando, Cholo Salas, Ismael, Alberto García

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Pitero, Javi Rodríguez, Renato, Giasson, cinco inicial; tamén xogaron Matamoros, Álex Diz, Lucho, Quintela, Eto’o

Goles: 0-1, minuto 3, Pitero; 1-1, minuto 15, Paradynski; 2-1, minuto 29, Paradynski

Árbitros: Delgado Sastre // Rabadán Sainz. Por Murcia amarela a Leo Santana (minuto 16), Cholo Salas (minuto 19). Por Burela amarela a Matamoros (minuto 4), Javi Rodríguez (minuto 7)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 10 de Primeira División Masculina disputado no Palacio dos Deportes de Murcia.

Exit mobile version