Site icon Crónica3.com A Mariña

Proxectan a creación dunha ruta BTT de longo percorrido vinculada aos oficios tradicionais entres os concellos de Mondoñedo, Riotorto e A Pontenova

Mondoñedo, 29 de novembro, 2020. O proxecto que se presenta denomínase ‘creación dunha ruta btt de longo percorrido vencellada aos oficios tradicionais’ e está subvencionado mediante un convenio de colaboración entre a Axencia Turismo de Galicia e a agrupación de Concellos de Mondoñedo, A Pontenova e Riotorto.

Neste proxecto desenvolveuse unha ruta para bicicletas de montaña de longo percorrido na que se priorizou o emprego de pistas sen asfaltar de titularidade municipal coa finalidade de promover esta ruta para outras actividades deportivas e/ou culturais que poñan en valor o carácter montañoso dos Concellos e os seus valores naturais e culturais que se poderán coñecer nos máis de 190 quilómetros que conta esta ruta.

O proxecto seguirá evolucionando ao longo dos anos seguintes con numerosas actividades e melloras a esta ruta que pretende ser un referente do BTT a nivel interautonómico, posto que se está a traballar co Concejo de Taramundi para unir ambos territorios mediante un trazado común.
A colaboración entre os Concellos non é casual, se non que é froito dunha estreita relación económica, comercial e social ao longo da historia, o que fixo que dispoñan de peculiaridades patrimoniais vinculadas aos oficios tradicionais que están panelizadas nos tres concellos e que se pretende complementar en Taramundi.

A posta en valor do patrimonio etnográfico, e máis concretamente do relacionados cos oficios tradicionais, estivo centrado na vinculación da poboación destes concellos e das súas actividades coa utilización da auga, prestando especial atención no desenvolvemento dun proxecto que puxera en valor a interrelación do roteiro co patrimonio etnográfico e cos oficios tradicionais no territorio, permitindo desta forma dispoñer dun roteiro deportivo, pero tamén dun roteiro cultural.

Destacan os muíños como eixes da vida no rural, posto que se utilizaron para a transformación dos cereais producidos no territorio, que eran gardados nos hórreos e cabozos unha vez recollidos, e que unha vez moídos eran aproveitando como alimento do gando, pero tamén para facer o pan nos fornos tan tradicionais existentes nestes concellos.

Tamén resulta singular e bastante específico deste territorio o emprego da auga para as actividades propias dos ferreiros, ben sexa coas navallas, como os coitelos, fouciños e outros apeiros que se realizaban ao longo deste territorio.

Non se debe esquecer a importancia do patrimonio inmaterial que está vinculado ao traballo da auga ao longo da historia, así como á acción de auga na creación de covas no solo calcáreo, ou o relacionados coas minas e todo o seu patrimonio industrial existente, que nos permitirá aproveitar e interrelacionar os recursos existentes no territorio.
O obxectivo final do proxecto é seguir poñendo en valor o patrimonio identificado e que se poderá descubrir ao longo do trazado previsto, fomentando o coñecemento e novas experiencias para os visitantes, na busca de que regresen en numerosas ocasións ao territorio.

Os paneis existentes nos Concellos, ademais doutros lugares significativos e nas webs que promocionen o turismo municipal, disporán de acceso aos arquivos GPX para a súa descarga, así como códigos QR co enlace á ruta de longo percorrido, pero tamén a outras rutas parciais que permitirán facer tramos de menor percorrido dirixidos a ciclistas con menos tempo, menos profesionais, ou que queiran segmentar o trazado completo para coñecer mellor o territorio, o que non nos cabe dúbida que sucederá unha vez vaian descubrindo todos os tesouros que esconden estes Concellos.

Esta ruta tamén pretende ser un proxecto colaborativo no que se terá en conta a opinión de diferentes entidades e particulares que poidan complementar e mellorar o trazado actual, así como aportar valor a un proxecto que tamén será de longo percorrido, no que xa está previsto o deseño e instalación de espazos polivalentes BTT nos que os ciclistas poidan dispor de todos os servizos necesarios para facer un mantemento persoal e do seu equipamento á súa chegada, durante o traxecto e antes da súa marcha coa finalidade de que a súa experiencia sexa o máis positiva a nivel de servizos.

Exit mobile version