Site icon Crónica3.com A Mariña

Real Betis 2-1 Pescados Rubén

 Burela, 28 de novembro, 2020. Unha gran igualdade reinou este mediodía en Amate. Pescados Rubén Burela FS ofreceu unha gran capacidade de reacción ante a orde do Real Betis Futsal; ambas as escuadras brindaron moita seriedade aínda que os detalles de oficio inclinaron a balanza para os intereses locais (2-1). Desde a súa iniciativa, no minuto 14, os andaluces tiveron que sufrir o ataque dos do Mariskal, que se estrelaron unha e outra vez contra a firmeza de Cidao.

Os de Juanito aproveitaron un saque de banda a falta de seis minutos para o descanso para adiantarse con Emilio Buendía ao segundo pau. A partir de aí medraron as ocasións dos galegos, que xa avisaran con Iago Míguez e Renato nos primeiros compases e máis tarde cunha gran triangulación rematada por Pitero. Cidao estivo moi atento ante o potente disparo de Pazos no 16. Non puido chegar o 20 burelista un pouco máis tarde ao pase de Álex Diz ao segundo pau. Tamén o tentaron nas postremeiras Renato e Quintela, pero a bucina chegou co axustado 1-0.

Regresou Burela coa intensidade dos últimos minutos provocando certa desconexión nas filas andaluzas. Javi Rodríguez e Renato puxeron a proba a rede local; tamén o tentou, de falta indirecta, Mata. Continuando cunha gran presión, David Pazos a punto estivo de rubricar o empate pero bateu contra a solidez de Cidao, o talismán para os béticos nesta xornada. Edu, tras a medianía do segundo acto, evitou o segundo na primeira chegada da escuadra andaluza, a través de Bocao, para permitirlle ao Pescados Rubén seguir co asedio sobre a área local. O meta bético estivo moi áxil ante dobre tentativa burelista no 33, pero nada puido facer poucos segundos despois, nun saque de esquina de David Pazos que cazou Pitero para anotar a igualada tras tocar o balón en Rubén Cornejo. Tivo Quintela unha de ouro en galopada pero o esférico quedóuselle un pouco atrás e non puido sorprender a Cidao. Foi entón cando o Betis aproveitou para volver poñerse por diante, cun roubo de Éric Pérez (minuto 35); demasiado premio para as súas ocasións. Con máis de catro minutos para o final, Quintela saltou á pista para liderar o xogo de cinco. O Pescados Rubén non deixou de insistir, aínda que os de Juanito tamén dispuxeron dunha moi perigosa a porta baleira; Rubén Cornejo desartellou a tentativa de Matamoros e Cidao volveu lucirse ante Lucho, en carreira, e Matamoros, practicamente sobre a bucina, sen tempo para máis.

Ficha técnica

Real Betis Futsal: Cidao, Bocao, Rubén Cornejo, Chaguinha, Éric Pérez, cinco inicial; tamén xogaron Elías, Borja Blanco, Emilio Buendía, Ivi, Chicho, Burrito

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Iago Míguez, Pitero, Javi Rodríguez, Renato, cinco inicial; tamén xogaron Lucho, David Pazos, Álex Diz, Quintela, Matamoros

Goles: 1-0, minuto 14, Emilio Buendía; 1-1, minuto 33, Pitero (p.p. Rubén); 2-1, minuto 35, Éric Pérez

Árbitros: Cidoncha Cortés // Salomé Vizuete. Por Betis amarela a Ivi (minuto 16), Rubén Cornejo (minuto 23), Borja Blanco (minuto 25). Por Burela amarela a Javi Rodríguez (minuto 32)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 12 de Primeira División Masculina disputado no Centro Deportivo Amate de Sevilla.

Exit mobile version