Site icon Crónica3.com A Mariña

Sanidade confírmalle á Alcaldesa de Viveiro que a evolución da Covid-19 é boa no Concello e o comité clínico estudará un posible levantamento das restricións

 Viveiro, 19 de novembro de 2020. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, participou hoxe xunto a outros alcaldes e alcaldesas da comarca nunha reunión informativa sobre a evolución da pandemia do coronavirus coa Xunta de Galicia.

No encontro, a Consellería de Sanidade trasladoulle á alcaldesa que a evolución da pandemia é boa no concello, con 35 casos activos a día de hoxe (19 menos que a semana pasada).

Con respecto á tasa de incidencia, é de 84 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 7 días e de 193 casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días. Un dos baremos do comité clínico da Xunta para poñer en marcha restricións nun concello é o de superar o umbral dos 125 casos por 100.000 habitantes.

“Tendo en conta a evolución en Viveiro, soliciteille á Xunta que estude a nosa situación e, de ser posible, non espere ata o 4 de decembro para levantar as restricións agora vixentes”, explica María Loureiro.

A Xunta comprometeuse a analizar o caso de Viveiro no comité clínico e está pendente tamén doutro dato importante, como é o da presión hospitalaria na comarca. A día de hoxe, hai 10 persoas ingresadas por coronavirus no Hospital de Burela.

A alcaldesa agradece o esforzo da veciñanza, fundamental na mellora dos datos, e lembra que polo momento seguen vixentes todas as medidas e restricións aprobadas pola Xunta.

Exit mobile version