Site icon Crónica3.com A Mariña

“Subvencións: Conseguir unha achega non xustifica deixar perder outra”, por Óscar Rodríguez

Atribúese a Abraham Lincoln a moi coñecida recomendación de que “hai momentos na vida de todo político nos que o mellor que pode facer é non despegar os labios”. Pois é unha recomendación que, cando menos ocasionalmente, deberían seguir ao pé da letra a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro (PSOE), e algúns membros do seu equipo de goberno. Unha desas ocasións é a réplica que intentaron os socialistas á proposta do PP para que o goberno local xestionara un cambio de fin da subvención da Deputación de 25.000 euros, á que renunciou, porque era para a Semana Santa e, por culpa da covid-19, non se puideron celebrar os actos previstos. Sentíndose incapaz, polo que se ve, de xestionar coa Deputación o cambio de fins, a señora alcaldesa dános conta, e ben vida sexa a información, sempre escasa no concello de Viveiro, de que conseguiu outra de 150.000 euros, mediante convenio, para varios fines.

É mágoa que a señora Loureiro non consiga máis aportacións da Deputación provincial, de cuxo grupo de goberno forma parte; nós aplaudimos todo aquilo que consiga para Viveiro. Pero permítanos discrepar de vostede no feito de non intentar que os 25.000 euros concedidos para a Semana Santa se puideran dedicar a outros fins, incluso directamente relacionados coa propia Semana Santa; seguro que estamos de acordo en que Viveiro necesita moitas destas achegas. Outra cousa é, como xa lle deixamos claro en numerosas ocasións, que consideremos que é unha xestora moi deficiente, do que que hai claras mostras na nosa cidade e esta é unha máis.

O PP pediu na Deputación que notifique e informe aos concellos da posibilidade de substituír as subvencións nominativas concedidas para eventos que non se puideron levar a cabo debido á covid-19 por outros convenios e fines que estimen oportunos. Nós, en Viveiro, instámola a xestionar o cambio de fin deses 25.000 euros para que redundaran en beneficio de Viveiro. Non sei que tan mal lle pareceu desta proposta que nos acusa de actuar con mala fe; mire, señora alcaldesa, a mala fe tena quen podendo evitar á perda dunha subvención para o seu municipio non a evita, nin o intenta. Iso é o fiel reflexo da súa maneira de xestionar os intereses de Viveiro.

Óscar Rodríguez
Portavoz do PP de Viveiro

Exit mobile version