Site icon Crónica3.com A Mariña

A área de Medio Rural da Deputación apoia o sector ovino e cabrún coa promoción da marca “Pastores de Galicia”

 Lugo, 26 de novembro de 2020. A área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia a promoción e a comercialización da carne de cordeiro e cabrito a través dun convenio coa Asociación de criadores de ovino e caprino de Galicia (Ovica), con sede en Lugo.

A área dirixida por Mónica Freire colabora en accións dirixidas a paliar o impacto da crise sanitaria sobre as vendas dun sector moi dependente da hostelería e da restauración. A achega, de 4.000 euros, destínase á renovación da web da marca de garantía “Pastores de Galicia” e a unha campaña de consumo con degustacións gastronómicas e show-cookings que reforce o recoñecemento do selo de calidade.

A deputada nacionalista explicou que o obxectivo da colaboración é “favorecer a recuperación dun sector moi castigado neste 2020”. “Con este apoio queremos contribuír a asentar o incremento das vendas en liña e aminorar o impacto da caída da comercialización nos canais habituais polo confinamento e as restricións derivadas da crise sanitaria”.

Pastores de Galicia, carne criada de xeito tradicional

A Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica) é unha das principais impulsoras da estruturación e desenvolvemento do sector en Galiza. A súa labor céntrase no asesoramento técnico especializado en ovino e caprino, tanto en carne como en leite, na organización de actividades formativas e no desenvolvemento de fórmulas para garantir a saída da produción ao mercado, acadando uns prezos estables e xustos.

No 2016, impulsou a creación da marca de garantía “Pastores de Galicia” para distinguir no mercado a carne de cordeiro e cabrito producida en Galiza, en base ao aproveitamento dos recursos naturais mediante o pastoreo das nais e á alimentación dos cordeiros e cabritos a base de leite materno e cereais.

Ovica xestiona o correcto cumprimento do Regulamento de Uso dos inscritos na
marca, dende o control dos métodos de produción, sacrificio e distribución ata o consumidor final, asegurando a trazabilidade do ciclo completo e garantindo a calidade do produto.

Exit mobile version