Os proxectos promovidos por ambas institucións a través deste acordos contan cun orzamento de 4.112.207€, achegados nun 85,4% pola Escola de Organización Industrial a través do Fondo Social Europeo e o 14,1% pola Deputación de Lugo.
As accións están dirixidas a 775 pemes e autónomos, 250 parados de longa duración e 600 mozos e mozas, e o seu obxectivo é a reactivación e o apoio aos sectores e colectivos sociais máis afectados pola crise económica derivada da COVID-19.
O Presidente provincial explicou que, grazas a estes convenios “a Deputación poderá desenvolver na provincia plans para favorecer o mantemento do emprego e a creación de novas oportunidades laborais, sobre todo para os colectivos que peor o teñen para conseguilo. Un obxectivo, o mantemento e a creación de emprego, sempre fundamental, pero moito máis nestes tempos de crise provocada pola pandemia”.
Durante o encontro, o Presidente agradeceu a vontade e o traballo da EOI para poder materializar estes acordos e, desta forma, seguir a liña de colaboración que manteñen ambas institucións. Neste senso, lembrou que dende o ano 2013 a Deputación e a Escola de Organización Industrial desenvolveron xuntas distintos programas cofinanciados con fondos europeos. Foi o caso do plan Dinamízache, que permitiu fomentar a innovación e mellorar a competitividade das pemes da provincia, e tamén do LugoWork, que apostou por activar e reforzar a empregabilidade dos mozos e mozas.
Así mesmo, José Tomé subliñou que ante a crise da COVID-19 a Deputación de Lugo reforzou o seu compromiso co mantemento e a creación de emprego. Neste eido, apuntou que dos orzamentos aprobados para o ano 2021 dedícanse un terzo do total a Políticas Sociais, centradas en manter a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas. En materia de emprego, os fondos propios elévanse a 5M€, e coa firma destes tres convenios coa Escola de Organización Industrial “contaremos cun financiamento extra de máis 4 M€, polo que vemos redobrada a nosa capacidade para desenvolver políticas de emprego”, subliñou o Presidente.
Dixitalización de pemes e autónomos
Un dos convenios asinados hoxe pola Deputación de Lugo e a EOI busca evitar que se agrande a fenda dixital e axudar a que o tecido produtivo aproveite as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías. “Con este acordo conseguiremos que, polo menos 775 pemes e autónomos da provincia de Lugo, diversifiquen e modernicen a organización da súa empresa, e tamén tecnoloxicamente”, asegurou Tomé Roca.
Formación de desempregados de longa duración
O Presidente avanzou que dentro do apoio aos colectivos vulnerables, a través do segundo convenio “formaremos a máis de 250 persoas desempregadas de longa duración en sectores con gran potencialidade de emprego na provincia, como son a atención sociosanitaria a dependentes e a renovación xeracional no sector vitivinícola, dado que a Ribeira Sacra, zona de viticultura heroica, sitúase na provincia de Lugo, e que ademais, o próximo ano aspira a ser declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO”.
Formación de Mozos
“É a nosa obrigación como Administracións ofrecer oportunidades aos mozos que non atopan emprego na súa terra para poder asentar o seu proxecto de vida. Así, co terceiro convenio, máis de 600 mozos participarán en programas de adaptación e fomento do emprego, podendo realizar prácticas non laborais en empresas da provincia, en especial, en entidades do terceiro sector”, explicou o mandatario provincial.
Cooperación entre administracións
Finamente, Tomé Roca remarcou a importancia de que as administracións locais incrementen a súa capacidade para presentar proxectos e para captar financiamento da Unión Europa, aproveitando e desenvolvendo todas as potencialidades do territorio. “Como Presidente da Deputación de Lugo gustaríame que a Xunta de Galicia tivese a mesma actitude de cooperación coas entidades locais que atopamos no Goberno do Estado”, afirmou.