Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación inviste máis de 350.000€ en axudas ao tecido social e económico de toda a provincia

 Lugo, 30 de decembro de 2020. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informou de que a Xunta de Goberno celebrada este mércores aprobou axudas por un total de 355.000 euros para a mellora e dotación de servizos e infraestruturas de concellos e colectivos de toda a provincia.

Tomé Roca subliñou que este investimento “é un exemplo da firme aposta que dende o Goberno da Deputación estamos facendo por apoiar e traballar da man co tecido social e económico da provincia de Lugo. Neste momento de crise sanitaria e económica, as institucións públicas temos que desenvolver políticas centradas nas persoas e centradas na recuperación económica dende o sector público”.

60.000€ para un camión contra incendios en Xermade
A Xunta de Goberno acordou aprobar o convenio de colaboración entre a institución provincial e o Concello de Xermade para a compra dun camión contra incendios. A achega provincial, que ascende aos 60.000€, permitirá atender unha vella demanda dos veciños e veciñas de Xermade, que levan case 30 anos solicitando esta dotación tan importante para a seguridade do municipio.

O Concello conta, na actualidade, cun pequeno camión que non cubre as necesidades para facer fronte a un lume. Con esta nova dotación poderán desprazarse con facilidade polos montes de Xermade, que son case dous terzos do territorio, actuando rapidamente co servizo de Protección Civil municipal ata que cheguen os medios especializados e coas competencias nesta materia.

Investimentos para a promoción de Viveiro
Este martes, tamén aprobou a Deputación na Xunta de Goberno un convenio de colaboración co Concello de Viveiro, por valor de 25.000€, para a promoción do territorio, mellora e posta en valor do municipio. Así mesmo, en relación con Viveiro, aprobouse unha subvención de 15.000€ a Old Navy Port Producciones, para sufragar os gastos derivados da edición online do Resurrection Fest.

Axudas para colectivos de Trabada
A Xunta de Goberno aprobou axudas para tres colectivos veciñais do municipio de Trabada co fin de mellorar dotacións comunitarias que prestan un importante servizo á veciñanza. En concreto, trátase de 28.062,18€ para a Asociación de Veciños de San Xulián de Sante, destinada a colaborar co acondicionamento da cuberta do teleclub da parroquia; 40.000€ para a entidade Monte Veciñal en Man Común de Vilaformán, para o acondicionamento tamén da cuberta do teleclub deste núcleo; e de 15.000€ para a Asociación de Veciños de Carreiracha para a instalación de abastecemento de auga potable para 6 vivendas deste lugar.

Mellora da estrada que vai de Mondoñedo a Cadavedo
En materia de estradas provinciais, a Deputación aprobou o Plan de Seguridade e Saúde para as obras de revestimento da cuneta da LU-P-3102, que vai de Mondoñedo por Argomoso a Cadavedo. Estes traballos de mellora contan cun investimento de 25.000€ e terán lugar entre os puntos quilométricos 7,275 e o 7,780.

Reforzo do SAF en Barreiros
Na reunión deste mércores aprobouse un convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Barreiros para reforzar o Servizo de Axuda no Fogar do municipio. Concretamente, cos 20.000€ que inviste a institución provincial o Concello adquirirá novo equipamento para este servizo, como material ortoprotésico, que na súa maioría será utilizado polos usuarios e usuarias; e material ofimático, co fin de axilizar a prestación do servizo pois o actual atópase obsoleto atrasando a atención ao público.

Conservación no Castelo de Doiras
Hoxe, tamén aprobouse unha achega de 95.000€, en dúas anualidades, á Fundación Xosé Soto de Fión, para colaborar nas obras de conservación e mellora do Castelo de Doiras, en Cervantes. Concretamente, faranse labores de limpeza e roza da vexetación, reposición de fiestras, reparación e restitución de escaleiras, portas e drenaxe do edificio, instalación de falsos teitos en madeira e varandas e dotación de novos puntos de luz exterior. Así mesmo, eliminaranse restos da construción, como azulexos e baldosas e instalaranse elementos naturais como pedra e madeira. Por outra banda, este convenio recolle traballos de investigación e divulgación, como a elaboración dun dossier informativo; a colocación de paneis explicativos para os visitantes, así como a obriga de establecer uns horarios de apertura ao público, no que haberá un guía turístico.

Funcionamento e posta en valor da Fundación Uxío Novoneyra
A Xunta de Goberno deu luz verde ao convenio entre as dúas institucións polo cal a Deputación destina 16.500€ para colaborar co funcionamento e a posta e valor da Fundación Uxío Novoneyra. COncretamente, o convenio de colaboración entre as dúas institucións permitirá á Fundación Uxío Novoneyra reforzar o seu persoal, coa contratación de 3 técnicos a media xornada, dada a situación sobrevida coa aplicación dos protocolos Covid de traballo nos museos, ao tempo que responderá á demanda de visitas guiadas da súa casa-museo.

Atención a persoas con Alzhéimer de Chantada
No eido do benestar, a Deputación aprobou en Xunta de Goberno unha axuda directa de 15.000€ para a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Chantada, co fin de colaborar nos gastos derivados do servizo de atención a domicilio a persoas con esta doenza, que viven nesta zona.

Exit mobile version