Site icon Crónica3.com A Mariña

A subdelegada do Goberno anuncia que as forzas de seguridade reforzarán a vixilancia do cumprimento das restricións sanitarias con motivo do Ano Vello

 Lugo, 30 de decembro de 2020. A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou que hoxe, na última reunión do ano celebrada polo CECOR (Centro de Coordinación) ultimáronse os dispositivos que porán en marcha as forzas e corpos de seguridade na provincia durante as celebracións de Fin de Ano, para velar polo cumprimento das restricións sanitarias establecidas pola Xunta.

Na xuntanza, celebrada a última hora da mañá na Subdelegación do Goberno, participaron mandos da Garda Civil, Policía Nacional, Policía Autonómica, Policía Local de Lugo, Protección Civil e representantes da Administración do Estado e da Xunta.

Trala reunión, a subdelegada explicou que con motivo das celebracións de Ano Vello e Ano Novo vanse intensificar na provincia os controis para vixiar o cumprimento das restricións fixadas polas autoridades sanitarias como as referidos ao cumprimento do toque de queda, horarios de apertura de establecementos, aglomeración de persoas e uso de mascarilla.

Isabel Rodríguez aproveitou para chamar a atención dos lucenses sobre a importancia de non relaxarse na atención ás medidas sanitarias durante as festas e pediulles que manteñan a mesma responsabilidade que levan demostrando desde o comezo da pandemia “para que o ano 2021 sexa o ano da vitoria sobre o coronavirus”.

Ademais, a subdelegada destacou e agradeceu “unha vez máis, todo o esforzo e traballo realizado nestes meses e, especialmente nas festas do Nadal, polas forzas e corpos de seguridade que están a reforzar os dispositivos para velar polo cumprimento das restricións establecidas na provincia”.

Exit mobile version