Site icon Crónica3.com A Mariña

Acisa Ribadeo fai un chamamento á responsabilidade colectiva ante as celebracións de fin de ano para evitar contaxios por Covid

 Ribadeo, 30 de decembro de 2020. Acisa Ribadeo fai un chamamento á responsabilidade colectiva ante as celebracións de Fin de Ano co obxectivo de que non se produzan contaxios por covid19.
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, sinalou que “o que toca é actuar con moito responsabilidade e con moito sentidiño todos os días, pero sobre todo na noite de mañá e no que queda destas festas de Nadal. Non podemos nin debemos relaxar as medidas de prevención e protección, se non queremos poñer en risco aos nosos maiores, ás nosas familias e a nós mesmos. Non queremos que se incrementen os casos de covid en Ribadeo, porque iso sería moi malo para todos. So hai que mirar cara outros concellos da Mariña onde houbo e onde hai peches perimetrais debido ao ascenso de contaxios e todo o que iso implica para o comercio, para a hostalería e para os servizos. Aquí ao noso carón a veciña Asturias segue pechada e Ribadeo estase a resentir economicamente por iso. Hai moitos asturianos e asturianas que teñen segunda residencia na nosa vila e que levan meses sen poder vir. E todos aqueles que nos visitaban as fins de semana, que viñan tomar o vermú, comer ou facer as súas compras tampouco poden facelo. E iso non é o que queremos para Ribadeo, queremos que coa axuda de todas e todos os contaxios deixen de producirse e que poidamos volver pouco a pouco a aquela nova normalidade, da que case xa non nos lembramos”.
O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Jesús Pérez, dirixiuse especialmente á xente nova, aos seus proxenitores ou titores: “temos que evitar certos comportamentos que non se deben producir como festas ilegais, botellóns ou xuntanzas de máis de 6 adolescentes fora das horas permitidas na vía pública. Somos coñecedores de que se produciron algúns feitos deste tipo estes días en Ribadeo. Estes comportamentos deberían facer reflexionar moito ás familias. É mellor conterse, comportarse e cumprir coas normativas en vigor durante uns poucos meses que alongar mais e mais esta crise sanitaria pola irresponsabilidade duns poucos, adultos e novos”.
Acisa pediu ás autoridades competentes que incrementen a vixilancia na noite de fin de ano e no que queda de festas “para non poñer en risco a saúde de ninguén nin a economía e o futuro de Ribadeo”.
Iriarte Quintana fai tamén un chamamento á hostalería de Ribadeo: “porque nos comunicaron algúns incumprimentos. O comportamento maioritario está a ser exemplar, pero calquera conduta que se salte a normativa pode ter repercusións en todo o sector, de aí que lles pidamos a todos e todas que sexan especialmente rigorosos co uso das máscaras e co control de aforos nos seus locais. Sexamos responsables e evitemos que pola ledicia duns poucos días teñamos que pechar os vindeiros meses”.

Exit mobile version