Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiros destina 3000 euros a dinamizar o consumo local a través dunha proba deportiva virtual

 Barreiros, mércores 16 de Decembro de 2020. O Concello de Barreiros vén de presentar un evento deportivo virtual, que se desenvolverá entre o 21 e o 31 de decembro, no que haberá unha vertente solidaria e outra de dinamización do comercio e hostelería locais.
Para este fin, o Concello de Barreiros destina 3000 euros de fondos propios para converter os 6000 km en cheques regalo por ese valor (0,50 euros por km) entre as persoas que participen na proba, que posteriormente terán que ser utilizados nos comercios locais que colaboren co proxecto. “Cantos máis quilómetros se aporten individualmente nas distintas categorías máis oportunidades se terán de conseguir algún destes cheque regalo”, explica Dani García.
A proba consistirá no reto colectivo de sumar 6000km camiñando, correndo ou en bicicleta e para participar nela estará aberta a inscrición entre o 17 e o 27 de decembro en https://maiskmsbarreiros.com. ou na app oficial; onde tamén se poden consultar as bases da mesma.
No caso dos establecementos que queiran tomar parte como beneficiarios no uso dos cheques regalo, deberán poñerse en contacto co Concello a través do número de teléfono 680 913 904 de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 ou a través do correo electrónico tecnicadeportiva@concellodebarreiros.gal, antes do 27 de decembro do 2020.
Aporte solidario coa inscrición
A recadación total das inscricións así como os aportes económicos extra que cadaquén faga de forma voluntaria, destinaranse exclusivamente ao fondo de emerxencia social do Concello de Barreiros (alimentación, roupeiro,material escolar, etc).
Segundo Dani García, concelleiro de Dinamización e Participación Veciñal, “é unha proba na que, tanto individual como colectivamente, as persoas que participan, á vez que realizan un esforzo físico saudable, súmanse ao apoio económico e dinamizador que o Concello fai a estes sectores tan perxudicados pola Covid19”.

Exit mobile version