Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela recupera a mobilidade este sábado, tras varias semanas de peche perimetral

 Burela, 4 de decembro de 2020. O alcalde, Alfredo Llano, anuncia que Burela abandona o peche perimetral e recupera a mobilidade a partires da vindeira media noite. O rexedor valora de xeito moi positivo esta medida así como a apertura da hostalería local no día de hoxe.
Llano contou que “acabo de recibir a chamada das autoridades sanitarias que nos indican que a partir das 00:00 horas do sábado, é dicir desde a media noite, se vai abrir o confinamento de mobilidade, polo tanto imos poder saír e entrar do noso concello. É unha boa noticia. Era algo que estábamos agardando.”
O alcalde subliñou que “isto é así porque agora mesmo estamos con 11, ou menos, casos acumulados en catorce día, que realmente é moi pouco comparativamente co que viña habendo. Pero é unha boa noticia para Burela que no campo sanitario estamos moi ben posicionados. É derivado da corresponsabilidade de todo o traballo que se leva facendo, durante todo o mes de novembro e esta parte de decembro, e iso trae como consecuencia que, por un lado xa abriu a hostalería, que é unha boa noticia tamén, e hoxe ás doce da noite vaise poder xa circular libremente por desaparecer o peche perimetral con respecto á mobilidade. Penso que é unha boa noticia para todos”.
Nomeamento do xuíz de paz
No pleno ordinario do Concello de Burela foi aprobado onte por unanimidade o nomeamento de Ángel Fernández Acción como xuíz de paz.
O alcalde dixo que “onte fixemos un pleno ordinario, correspondente ao mes de novembro, aínda que o celebramos en decembro por tema de axenda, no que había un punto fundamental que era unha proposta nosa para a elección do xuíz de paz para o noso xulgado. Os tres grupos votamos a favor desta persoa, que é Ángel Fernández Acción, que sempre estivo vinculada a cuestións sociais, por exemplo na Cruz Vermella, foi un dos profesionais na Capitanía Marítima, é unha persoa coñecida que agora mesmo que está xubilada ten tempo para exercer con todas as garantías, polo tanto parécenos a persoa que podía facer esta labor dunha maneira efectiva. Tamén, nese punto, acordamos nomear a María Dolores Cociña como xuíza na reserva, como suplente desta praza”.

Exit mobile version