Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela, sede da Supercopa de España

 Burela, 29 de decembro, 2020. As Guerreiras defenderán o trono de Supercopa de España (Las Rozas, 2019) no mausoleo laranxa, o sábado 9 de xaneiro de 2021. Un ano e medio despois de acoller a I Copa de S. M. A Raíña, Burela volverá converterse en flamante sede dun título nacional do fútbol sala feminino de elite. O duelo entre Pescados Rubén Burela FS e Poio Pescamar FSF está previsto para as 12.00 horas, con emisión en directo de Teledeporte.

A cita volverá reunir as dúas escuadras galegas nunha final tras a disputada en Málaga o pasado 20 de decembro na segunda edición da Copa da Raíña, coa reválida do título para as burelistas.

Co apoio e implicación da Deputación de Lugo e o Concello de Burela, a Real Federación Española de Fútbol volve confiar na localidade mariñá tras ser o escenario da Copa de España en 2011 e 2014 e a I Copa de S. M. A Raíña en 2019.

Ence Marín Futsal, nunha nova andaina copeira

O anuncio oficial de Burela como sede de Supercopa por parte da seleccionadora nacional, Clàudia Pons, coincidiu esta mañá co sorteo de oitavos da Copa da Raíña 2020-21, eliminatoria na que estreará a súa andaina o Pescados Rubén defendendo a coroa. Ence Marín Futsal será o rival da eliminatoria, a partido único, con data marcada pola RFEF para o 4 de xaneiro.

Exit mobile version