Site icon Crónica3.com A Mariña

O camiño cara á elite, a través da historia do Heroes do Orzán

 Burela, 29 de decembro, 2020. O Memorial Heroes do Orzán 2020 reuniu esta tarde, como broche do ano, a 10 xogadores de elite con pasado no torneo mariñán. Baixo a coordinación do director da cita, Alfonso Mera Río, e co xornalista Iván Díaz Rolle como moderador, o seminario web da Fundación Imdecum abordou o presente e o futuro do fútbol sala, con Renato Lopes, Nito e Pitero, do Pescados Rubén Burela FS; Hélder, do Parrulo Ferrol FS; Raúl Jiménez, de Levante UD FS; J. Mínguez, de Aspil Jumpers Ribera Navarra; Alvarito, de Besoccer CD UMA Antequera; Chicho e Guille, de Leganés FS, e Manu Cebrián, de Soliss Fútbol Sala Talavera.

O Memorial, que dende 2012 lembra a figura do policía burelao Rodrigo Maseda Lozano, xunto aos seus compañeiros Javier López López e José Antonio Villamor Vázquez, fixo un repaso dos mellores momentos ao longo dos seus oito anos de historia a través dos protagonistas sobre o parqué, defendendo as cores de dúas escolas incondicionais no Heroes do Orzán. Nas categorías de base de Pescados Rubén Burela FS medraron Renato, Nito, Pitero e Hélder, que lembraron o torneo como a guinda perfecta para tempada nunha cita que reunía a centos de espectadores e familias arredor do fútbol sala. Defendendo a elástica de UD Las Rozas Boadilla gozaron do memorial e da Mariña Raúl Jiménez, J. Mínguez, Alvarito, Chicho, Guille e Manu Cebrián. Os xogadores recordaron esa bonita rivalidade e competividade que existía entre as dúas escolas, habituais das finais e en pugna constante polos recoñecementos de máximo goleador e mellor xogador.

Raúl Jiménez e Renato destacaron o gran labor dos adestradores na base para poder formar unha canteira con proxección. Manu Cebrián avogou polo traballo e o esforzo para conseguir dar o salto á elite e Alvarito falou do prexuízo da pandemia para as idades de formación. Os reencontros entre Javivi e Renato esta tempada en Primeira ou de Manu e Nito en Segunda a pasada tamén foron foco de interese. A actualidade dos equipos e as expectativas da tempada tiveron cabida ademais nas reflexións dos protagonistas do seminario, que rematou coa demanda unánime para que o fútbol sala poida ser recoñecido como deporte olímpico.

Preparando o regreso sobre a pista para 2021

A pandemia non permitiu que A Mariña e os centos de pequenas promesas do fútbol sala que se achegan ata a bisbarra dende 2012 disfrutaran no mes de xuño da novena edición do Memorial. No entanto, a organización xa está traballando para retomar o IX Memorial Heroes do Orzán, co seu formato en estado puro, entre o 23 e o 27 de xuño de 2021. O mellor fútbol sala base volverá dar espectáculo ao longo da Mariña, nun evento que se converteu en toda unha referencia nas axendas de escolas e clubs de toda España. A Deputación de Lugo e os concellos de Burela, Foz, Cervo, Xove e Viveiro colaboran na iniciativa da Fundación, que supón un revulsivo para o turismo da zona no inicio da campaña estival.

Exit mobile version