Site icon Crónica3.com A Mariña

Denuncia que o seu pai leva agardando sete meses por un tratamento de rehabilitación urxente

 A Mariña, 15 de decembro de 2020. Unha muller denuncia, no nome de seu pai, que levan agardando sete meses por un tratamento rehabilitador pautado por neurocirurxía, con carácter de urxente, tras a dupla intervención cirúrxica á que foi sometido no HULA.
O paciente foi intervido por vez primeira en marzo do 2020 no HULA dunha estenose de canle na columna cervical, con mielopatía, en marzo de 2020. Dada a súa evolución favorable, interveñen por segunda vez en abril do mesmo problema na zona lumbar. En maio do 2020 é alta por parte do servizo de neurocirurxía do HULA, con prescripción de tratamento rehabilitador inmediato para acadar unha boa recuperación da súa mobilidade. Desde o servizo de neurocirurxía recalcaron o carácter urxente do tratamento, que debía ser realizado no seu distrito sanitario.
O paciente non é chamado ata que pasan dous meses da súa alta, en xullo de2020, data na que é vista pola única facultativa rehabilitadora que existe no hospital da Mariña e que decide poñerlle prioridade alta. Malias as recomendacións da rehabilitadora o paciente segue sen ser chamado, polo que presentan reclamación en atención ao paciente sin que ata o momento lle deran solución á mesma. Desde atención ao paciente comunícanlle que “agora xa depende do servizo de rehabilitación, máis en rehabilitación infórmannos de que é a dirección do hospital, a través dun comité, quen decide”- explica a muller.
Como pasa o tempo e non chaman, deciden contactar coa Plataforma sanitaria e presentar reclamación, que é rexistarda o día 16 de novembro con número de entrada 2786.
O paciente viuse obrigado a acudir a un centro privado de rehabilitación
O paciente está a recibir tratamento rehabilitador nunha entidade privada desde a súa alta hospitalaria e correndo cos gastos derivados do mesmo, pois a recuperación da mobilidade depende da instauración precoz de rehabilitación.
Segundo comentan desde a Plataforma Sanitaria, non se trata dun caso illado, e non é a primeira vez que se tramitan reclamacións desta índole. Desde o colectivo temos constancia de que moita xente está a acudir a profesionais privados porque o Sergas non da solución axeitada aos seus problemas de saúde, deixándoos sen a atención que precisan. É por iso que esiximos que doten aos centros sanitarios públicos dos medios humanos e materiais suficientes para que a poboación sexa atendida como se merece, sen que ninguén se vexa obrigado a acudir a centros privados porque non están sendo atendidos na sanidade pública.
O colectivo sanitario lémbralles que existe unha normativa, a lei de garantías de prestacións sanitarias (lei 12/2013 , artigo 5), que o Sergas está a incumplir sistemáticamente, obrigando a moita xente a pagar por asistencia sanitaria, xa que o sistema non é capaz de garantirlla, e mesmo está a causar na poboación enormes desigualdades, pois non tod@s poden pagar sanidade privada; é por iso que esiximos ao Sergas que cumpla coas as normativas , garantindo o cumplimento estrito dos prazos e atendendo ás prescripcións de prioridade ou urxencia , así como á gratuidade da prestación. “Cando un paciente se ve na obriga de acudir a un fisioterapeuta privado por falta de atención no sistema público, este deixa de ser gratuíto” -conclúe a coordinadora do colectivo.

Exit mobile version