Site icon Crónica3.com A Mariña

Deputación e Diocese de Lugo invisten 300.000€ na conservación do patrimonio histórico artístico da provincia

 Lugo, 16 de decembro de 2020. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este mércores co bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, o convenio de colaboración polo que a institución provincial achega 150.000€ á Diocese lucense para a conservación e posta en valor do patrimonio da provincia. Pola súa banda, a institución eclesiástica achega outros 150.000€, co cal ambas entidades invisten un total de 300.000€ para a mellora e rehabilitación de seis bens culturais situados nos concellos de Lugo, Monforte, O Incio, O Saviñao e O Courel.

José Tomé subliñou que con esta achega, a Deputación demostra novamente o seu “compromiso pola promoción do territorio para dinamizar a economía e o turismo. Un compromiso que vimos demostrando dende o principio do mandato con iniciativas importantes, como a entrada da institución na Ruta Transrománica, recoñecida polo Consello de Europa, e tamén nos Orzamentos do ano 2021, nos que aumentamos un 10% os fondos para o turismo”.

Concretamente, o convenio asinado hoxe executarase en dous anos e recolle as seguintes actuacións:
– Melloras na Catedral de Lugo, Patrimonio da Humanidade dende o ano 2015. Conta cun orzamento de 93.000€. Concretamente, vaise acometer unha mellora importante que vai servir para facilitar o acceso ás persoas con mobilidade reducida, pois nestes intres hai unhas pequenas ramplas de madeira que se van a renovar por unhas de granito, acorde ao monumento. Así mesmo, con dito investimento faranse actuacións no atrio frontal da Catedral, onde actualmente hai moitos ocos entre as distintas pedras que conforman a soleira, moitas delas descolocadas. Debido a isto, faranse traballos para recolocar todo o atrio do monumento, o que lle aportará maior prestancia.

– En Monforte, na igrexa de San Miguel de Marcelle, repararase o muro perimetral do adro do edificio con 10.000€; e na igrexa de Santa María da Régoa, acondicionarase a cuberta e pintarase a fachada do monumento con 45.000€.
– Na igrexa de San Salvador de Vilaesteva, no Saviñao, con outros 50.000€, mellorarase a accesibilidade, renovando o pavimento actual, que é de tarima flotante, por unha tarima de castaño.
– Na igrexa de San Cristovo da Cervela, no Incio, renovarase a cuberta e faranse traballos de limpeza no campanario e de cuberta do cabildo. Esta actuación conta cun investimento de 50.500€.
– Na igrexa de San Pedro de Noceda, en Folgoso do Courel, arranxarase con 51.500€ a cuberta da nave principal e do campanario, realizarase o drenaxe da parte exterior do edificio e renovarase a instalación eléctrica.

Agasallo institucional
Durante o encontro no Pazo de San Marcos, o Presidente da Deputación entregou ao bispo de Lugo como agasallo institucional unha cesta con produtos da provincia, como aceite de Quiroga ou crema de castañas do Courel, entre outros; e o libro Ribeira Sacra, Galicia para soñar, que recolle fotografías de Antón Rodicio.

Exit mobile version