Site icon Crónica3.com A Mariña

Efrén Castro achegouse a Vista Alegre para felicitar as xogadoras do Burela FS polo título de Copa da Raiña

 Lugo 22 de decembro de 2020. O deputado de Deportes, Efrén Castro, achegouse esta tarde a Burela para trasladar ás xogadoras do Pescados Rubén Burela FS os parabéns polo título da Copa da Raíña, que lograron esta fin de semana en Málaga.

O deputado nacionalista visitou ao equipo no pavillón de Vista Alegre, no inicio dunha sesión de adestramento de cara a encontro que disputará o domingo co Intersala Promesas Zaragoza, correspondente á segunda xornada de liga e adiado naquel momento pola situación sanitaria.

Xunto á deputada mariñá Mónica Freire, que tamén se achegou a Burela, Efrén Castro saudou e felicitou ás xogadoras e ao equipo técnico, que sacaron á cancha o trofeo que as acredita como campioas da Copa da Raiña por segunda vez. En referencia á traxectoria do equipo, o deputado sinalou que “o feito de que chegue un título tras outro non nos fai esquecer o mérito que ten manterse nese nivel competitivo, máis tendo en conta que o facedes desde un lugar afastado dos centros económicos e políticos. Sodes un orgullo para a Mariña e para o deporte galego”.

Efrén Castro destacou que “máis aló do seu valor competitivo, estas vitorias teñen unha dimensión social porque contribúen a consolidar referentes femininas no deporte de elite, algo que segue a ser necesario para a igualdade efectiva no acceso á práctica deportiva”.

O Burela FS situouse na vangarda do deporte feminino ao poñer en marcha un convenio colectivo de xogadoras profesionais pioneiro no fútbol sala estatal. O acordo, vixente desde outubro de 2018, contempla aspectos como a renovación automática en caso de embarazo, compromiso de vacacións en datas sinaladas, dereito a 10 días de asuntos propios por coidado de fillos ou maiores ou axudas para conciliación familiar, entre outros.

Ademais dos conxuntos masculino e femino competindo nas primeiras categorías do fútbol sala estatal, o Burela FS conta cunha potente base, con equipos en todas as categorías de prebenxamín ata xuvenil.

Exit mobile version