Site icon Crónica3.com A Mariña

Subministrada a vacina no centro de atención a persoas maiores de Ribadeo. O Alcalde agradece o traballo do persoal das dúas residencias, así como o dos profesionais da sanidade e dos servizos sociais

 Ribadeo, 31 de decembro de 2020. A vacina foi subministrada hoxe no centro de atención a persoas maiores de Ribadeo, xa que cumpría os criterios sanitarios de aplicación. O alcalde, Fernando Suárez, agradece o traballo do persoal das dúas residencias, así como o dos profesionais da sanidade e dos servizos sociais.

O rexedor dixo: “pois con moito sentimento agridoce despedimos este ano, que como din os vellos, vaia o demo con el!. No Hospital-Asilo entrou o bicho hai uns días e aínda con todo o esforzo que todas as partes están facendo, todos temos o corazón encollido agardando que todo remate o mellor posible”.

Suárez Barcia sinalou que “por outra banda, hoxe na outra residencia que temos, estivéronse poñendo as vacinas, xa que se cumprían os criterios sanitarios de aplicación”.

O alcalde engadiu: “remato estas verbas, lembrándome de todos e cada un dos usuarios e usuarias de ambas as dúas residencias, das súas direccións, do seu persoal, así como de todos os profesionais da sanidade e dos servizos sociais (do Concello, da Deputación, da Xunta e do Estado) polo voso labor. Graciñas de corazón polo voso traballo. Moito ánimo para tod@s neste momento tan incerto. Sen dúbida que o ano que vén ten que ser mellor”.

Exit mobile version