Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Ribadeo propón a instalación dunha carpa diante do centro de saúde para que as persoas que acudan a realizar analíticas non teñan que agardar á intemperie nos meses de inverno

 Ribadeo, 7 de decembro de 2020. O alcalde, Fernando Suárez, propón a instalación temporal dunha carpa diante do centro de saúde para que a xente que acode a realizar analíticas a primeira hora da mañá non teña que agardar na rúa á intemperie nos meses do inverno. O rexedor considera que os custos deberían ser asumidos pola Consellería de Sanidade, pero de non ser así será o Concello o que se encargue. Suárez Barcia asegura que son moitos os veciños e veciñas que lle amosaron a súa preocupación por ter que agardar no exterior do centro de saúde con xeada, chuvia, frío, etc…, desde a entrada en vigor dos protocolos covid.
O alcalde dixo que “somos coñecedores nestes últimos tempos, tanto por experiencia propia como por apreciacións que nos fixeron chegar diferentes persoas deste concello, desta situación preocupante na que moita xente ten que estar á intemperie cando son citados para facer as analíticas a primeiras horas da mañá, con xeada, con vento frío e con chuvia, e que moita xente ten que estar agardando no exterior do centro de saúde a que o persoal de servizo o chame para darlles acceso ao centro. Evidentemente sabemos que hai uns protocolos que deben ser cumpridos para tentar minimizar os riscos de contaxio polo covid, polo que non é posible que a xente estea dentro do edificio como estaba antes da pandemia. Quero destacar tamén o traballo importante que fai todo este equipo de profesionais, quizais menos agora dos que había hai anos e quizais moitas veces sofren porque cando hai baixas ou vacacións non son cubertas, evidentemente isto non é culpa dos profesionais que traballan no centro de saúde senón do sistema sanitario e como se foi precarizando nestes últimos anos”.
O rexedor manifestou que “desde o Concello sabemos que non temos ningún vencello directo en materia sanitaria, pero queremos dicir tamén que non somos alleos ao que alí pasa. Quixéramos plantexar, e de feito o propoñemos por escrito, que queríamos instalar durante os meses de inverno unha carpa diante do edificio do centro de saúde de Ribadeo, a dúas augas con cuberta de lona ignífuga e aberta ou pechada polos laterais, en función do que as autoridades sanitarias puideran dicir. Trátase dunha carpa para protexer contra o vento e contra a chuvia, unha instalación que ocuparía uns oito metros de ancho por quince metros de longo, cubriría este edificio e deixaría paso aos viandantes que quixeran pasar por esta rúa. Evidentemente sería suficientemente alta para que as ambulancias puideran seguir entrando a esta rúa e quedaría condicionado o acceso de tráfico pesado durante o tempo que estivese colocada”.
Fernando Suárez engadiu que “toda esta solución que propoñemos querémola plantexar agora porque vemos que nas vindeiras semanas a climatoloxía, como é evidente, ha de ir a peor, con auga, con vento e con friaxe, e vemos que gran parte desta poboación que fai as analíticas neste tipo de probas basicamente son xente maior e xente de risco, polo tanto, cremos que é boa cousa facelo. En canto á asunción de quen debe asumir este custo, entendemos que debería ser a Consellería de Sanidade contando co noso apoio, en materia de tráfico, de permisos, etc…, pero xa avanzo que se a Consellería de Sanidade non quere porque di que non é posible, desde a Concello de Ribadeo asumiríamos o custo da montaxe e desmontaxe, así como o custo do aluguer desta carpa durante todo o tempo ata a chegada da primavera. Polo tanto, quedamos logo á espera do que as autoridades sanitarias da Consellería nos indiquen”.

Exit mobile version