A segunda lectura que fai o BNG é que a sentenza deixa claro que o plan da multinacional é pechar a fábrica de aluminio en San Cibrao e que para iso está actuando de mala fe, “corroborando o que denunciaba tanto o Bloque como os traballadores e traballadoras, advertindo que a dirección non tiña interese, nin plan algún de futuro para a planta mariñá, senón que o seu obxectivo era o simple peche”, alega a líder nacionalista.
E, finalmente, para o Bloque a sentenza é un paso na boa dirección “pero para o empuxón definitivo debe existir unha solución política que pasa por unha intervención pública e, neste sentido, volvemos pedirlle tanto ao Goberno do Estado como ao Goberno da Xunta que deixen de perder un tempo que é necesario para poder manter en pé a produción de aluminio e os postos de traballo”.
A líder nacionalista salienta que toda a comarca, e en particular as persoas que teñen os seus empregos ameazados, levan meses moi difíciles, “e agora o que precisan é determinación política para garantir o futuro da produción e dos postos de traballo de ALCOA e que as miles de familias que dependen de xeito directo ou indirecto desta factoría poidan respirar en paz”, conclúe Pontón.