Site icon Crónica3.com A Mariña

O Comité Clínico da Xunta decide un novo peche perimetral de Viveiro pola evolución da situación epidemiolóxica

 Viveiro, 29 de decembro de 2020. O Concello de Viveiro informa de que o Comité Clínico da Xunta reuniuse onte e decidiu pechar de novo Viveiro perimetralmente.
Nunha segunda reunión celebrada hoxe entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Viveiro, explicouse que a día de hoxe hai no municipio un total de 60 casos activos; os casos a 14 días por 100.000 habitantes é de 355.
Tendo en conta que se superan os 250 casos por 100.000 habitantes e ao tratarse dun concello de máis de 10.000 habitantes, na reunión do Comité Clínico que tivo lugar no día de onte decidiuse aplicar ao Concello de Viveiro o nivel de restrición máximo, sendo de aplicación estas medidas a partir das 00.00 horas desta próxima noite.
O nivel de restrición máximo implica o peche perimetral do concello; segundo a información facilitada, os días 30 e 31 de decembro e mais o 1 de xaneiro estaría permitida a entrada e saída do municipio unicamente para encontros familiares.
Con respecto ás ceas e comidas familiares, mantéñense as mesmas limitacións que no resto de concellos de Galicia, sendo as mesmas que as establecidas para Noiteboa e Nadal (dúas unidades familiares cun máximo de dez persoas, nenos incluídos).
En canto á hostelería, debe pechar ás 18:00 horas, non se permiten clientes no interior dos locais e o aforo nas terrazas redúcese ao 50%, establecendo grupos dun máximo de 4 persoas non convivintes. Ademais, o día 1 de xaneiro de 2021, a hostelería non poderá abrir antes das 11:00 horas.
O toque de queda mantense nas 23:00 horas, permitíndose a mobilidade unicamente na Noite de Fin de Ano ata a 1:30 horas. Nesta reunión, por parte de Sanidade tamén se informou que no día de hoxe comeza a vacinación contra o coronavirus no Hospital de Burela.
Neste momento, estase á espera da publicación destas medidas no Diario Oficial de Galicia para realizar, no seu caso, as concrecións que resulten necesarias.
Por parte do Concello de Viveiro quérese enviar unha mensaxe de ánimo á hostelería e tamén ao comercio, que se verán especialmente afectados polas medidas impostas neste nivel de restrición máximo e máis no caso da hostelería.
Ademais, pídese a todos os veciños e veciñas que se extremen as precaucións e se cumpran as medidas establecidas para evitar o incremento de contaxios, apelando á responsabilidade individual para ver se co esforzo de todos mellora a situación o antes posible.

Exit mobile version