Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro informa de 27 novos casos de coronavirus no municipio

Viveiro, 18 de decembro, 2020. O Concello de Viveiro informa que, segundo os datos facilitados pola xerencia de Sanidade ás 18:00 horas, hai 27 novos casos de coronavirus e un total de 32 casos activos no municipio.

Este pequeno gromo -hai tamén algún caso de positivos illados- detectouse despois de que unha nena, alumna da gardería municipal, dese positivo o pasado domingo. A partir de aí, realizáronse as probas ás profesoras e nenos que comparten aula coa nena, dando todos eles negativo; por prevención, tamén se realizaron PCR a todos os demais alumnos do centro, que están dando tamén negativo.

Por outra banda e dende o primeiro momento, iniciouse un rastreo entre familiares e contactos estreitos, en coordinación entre Sanidade e o Concello de Viveiro, para intentar controlar o gromo o antes posible e evitar a súa propagación.

Estanse a facer decenas de PCR e o número de positivos incrementouse de forma notable de luns a martes. Parece que agora se está estabilizando, polo que hai que intentar manter a calma e agardar aos resultados das probas realizadas nestes últimos días.

Ademais, un membro da corporación local, en concreto o tenente de alcalde, deu positivo, polo que o resto do grupo de goberno e os traballadores do concello están cumprindo os protocolos establecidos e se están facendo probas ás persoas que estiveron en contacto con él.

Dende o Concello de Viveiro quérese transmitir unha mensaxe de tranquilidade para non alertar á veciñanza, incidindo, non obstante, na necesidade de cumprir todas as medidas establecidas e non baixar a garda, extremando a prudencia en beneficio da saúde pública.

Exit mobile version