Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello realizará unha nova entrega de árbores frondosas aos propietarios de redes secundarias de xestión de biomasa do termo municipal de Ribadeo

 Ribadeo, 9 de decembro de 2020. Hoxe publícanse na sede electrónica do Concello de Ribadeo as bases destinadas á entrega de árbores a persoas responsables de redes secundarias de faixas de xestión de biomasa no termo municipal ribadense. As persoas que queiran recibilas poden presentar as súas solicitudes ata o 30 de decembro. O Concello destina a este fin unha partida de 8.800 euros.
O alcalde, Fernando Suárez, lembrou que “desde hai uns anos desde o Concello vimos desenvolvendo un importante traballo destinado a que os veciños responsables de parcelas afectadas arredor dos núcleos de poboación que teñen que mantelas, segundo a lei de incendios de Galicia, totalmente libres de especies pirófitas como eucaliptos, acacias, etc…, que teñen que telas desbrozadas cada ano para cumprir esta lei e para que, chegada a desgraza de ter un incendio forestal, iso non implique o perigo de vidas ou a propia queima das vivendas. Por iso, hai un tempo, valorando todas aquelas persoas, que foron moitísimas, as que fixeron caso destes requirimentos que desde o Concello facíamos, fixemos unha primeira iniciativa de repartir unha serie de especies frondosas como freixos, castiñeiros, carballos, etc…, para que se puideran plantar nesas faixas de protección, que si permite a lei que se planten este tipo de especies frondosas que combaten o lume, que dan protección e que xeran un sotobosque que despois non é necesario estar desbrozando sistematicamente cada ano. Iso fixémolo hai un tempo con notable éxito”
O rexedor explicou que “agora queremos outra vez facer unha segunda iniciativa, incluso con máis fondos, temos para iso uns 8.800 euros, que imos repartir en forma de árbores entre os diferentes beneficiarios de acordo cuns criterios que establecemos nunhas bases que están publicadas, que todo o mundo pode desde agora e ata o 30 de decembro solicitarnos. Hai un formulario que temos establecido ao efecto e unha vez calculadas todas as peticións verase o importe que lle corresponde a cada solicitante e o Concello realizará o encargo a un viveiro e posteriormente poñeremos un día e un lugar no que se faremos a entrega destas especies frondosas”.
Suárez Barcia engadiu que “os solicitantes non teñen porqué vivir en Ribadeo, teñen que ser propietarios de parcelas que foron desbrozadas. Isto tamén é unha maneira por parte do Concello de botarlles unha man, porque sabemos que é algo, que aínda que é obriga deles, supón unha serie de custos periódicos e queremos desde o Concello de Ribadeo dar a nosa achega para axudarlles precisamente a ir plantando estas especies frondosas que van constituír unha faixa de protección moito máis segura diante dos seus núcleos de poboación para evitar a desgraza dun incendio forestal”.

Exit mobile version