Un cento de operarios con 50 quitaneves e vehículos desenvolven de maneira continuada tarefas para retirar árbores caídos e despexar de xeo e neve as vías, que acumulan espesores de máis de 30 centímetros.
A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, explicou que os traballos “están sendo moi complexos e máis lentos debido ás intensas nevaradas que se producen dende onte pola mañá, e que provocaron acumulacións importantes nesta pasado noite, pero tamén pola gran cantidade de ramas e árbores caídos, debido a que houbo un outono meteoroloxicamente moi suave, o que provocou que as árbores teñan bastante folla, que non soporten o peso da neve e que caian á calzada”. A todo isto súmase as complicacións que xorden en ocasións, para que os medios da Deputación poidan acceder ás estradas provinciais debido á situación tamén moi complicada das estradas autonómicas”, asegurou.
García Porto recalcou que o dispositivo está traballando de maneira intensa e continuada, dentro das dificultades referidas, ademais de avanzar que de complicarse máis a situación, a Deputación ten aberta a posibilidade de reforzar os medios propios coa contratación de empresas externas para atender as posibles necesidades que se produzan.
Concellos afectados
Os municipios polos que discorren as estradas afectadas e nos que están a traballar para facer fronte ás incidencias son: Carballedo; O Saviñao; Pantón; Baleira; Becerreá; Folgoso do Courel; A Fonsagrada; Cervantes; O Incio; Navia de Suarna; Negueira de Muñiz; As Nogais; Pedrafita do Cebreiro; Quiroga; Ribas de Sil; Ribeira de Piquín; Samos; Triacastela; Muras; Vilalba; Ourol e Taboada.