Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo socialista reclama un protocolo específico para casos de Covid nas tripulacións dos barcos de pesca

 Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2020. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, reclamoulle hoxe ao goberno galego que estableza un protocolo de actuación específico para os casos positivos de covid entre a tripulación dos barcos que cheguen aos portos de Galicia. A responsable socialista advertiu que ata o momento “ante casos iguais de barcos chegados con tripulantes contaxiados, a Xunta adoptou decisións distintas”.

A responsable socialista considera “urxente e necesario” que a Xunta adopte un protocolo único que “defina claramente as competencias e funcións” para que “ante casos iguais non se actúe de xeito distinto” e co obxectivo en definitiva de “conseguir unha maior eficacia e eficiencia”. Explicou que este protocolo debe ser establecido polas consellerías de Mar e Sanidade, e advertiu que “non se pode abandonar á súa sorte aos traballadores que chegan a porto”.

Sinalou que nas últimas semanas “foron varios os casos de buques de pesca que atracaron nos portos galegos con tripulantes contaxiados por coronavirus”, o último deles o Adviento, que chegou ao Porto de Burela o 17 de novembro con 17 contaxios a bordo. Os tripulantes daquel buque tiveron que pasar a corentena a bordo mentres días antes, en Burela, a tripulación do Siempre Antares puido desembarcar para ir aos seus domicilios ou residencias adaptadas.

Lembrou que o propio xerente da área sanitaria de Lugo declarara que o confinamento a bordo fora unha “decisión conxunta tomada polo armador e os mariñeiros”, o que cualificou de “incrible que lle impoñan a responsabilidade ao armador e os mariñeiros”. Dixo que “non entendemos para que está a Xunta de Galicia se non é para exercer as súas competencias e trasladarlles o balón ao armador e aos mariñeiros”.

A responsable socialista explicou que o control dos contaxiados de buques de pavillón español con contaxiados a bordo nalgún dos 122 portos de competencia autonómica é precisamente do goberno galego. Explicou que outras comunidades autónomas si que asumiron as súas competencias neste sentido, como o caso de Cantabria, onde o goberno autonómico puxo a disposición dos mariñeiros dun buque galego un albergue autonómico.

Patricia Otero reclamoulle ao goberno galego que “exerzan as súas competencias, gobernen e non busquen só a confrontación co goberno central” logo de que o presidente da Xunta estivera durante o confinamento “reclamando día tras día a xestión da pandemia”.

Sinalou as “peculiaridades destes centros de traballo itinerantes que, polo tamaño das embarcacións e pola dinámica da súa propia actividade, dificultan o cumprimento das medidas para paliar a covid – 19.

Exit mobile version