Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP burelés denuncia a que cualifican de “hipocrisía desbordante” do BNG no referente á súa suposta preocupación polo comercio e a hostalaría locais

 Burela, a 14 de decembro de 2020.- O PP de Burela denuncia a “hipocrisía desbordante” do BNg no referente á súa suposta preocupación polo comercio e a hostalaría locais cando “hai pouco máis dunha semana, no pleno da corporación, se puxo de perfil ante tódalas medidas de rebaixa fiscais e de alivio da carga impositiva para os comerciantes e hostaleiros de Burela que levou ao pleno o Grupo Municipal do Partido Popular, case que todas solicitadas tanto polos propios interesados”.

“Pero isto xa non é novo no partido do Sr. Pillado no que vai de ano”, din dende as filas populares. E é que “cando xurdiu a problemática do mercado semanal polo seu cambio de localización cara a Torrentes, ao Sr. Pillado enchéuselle a boca de dicir que non existía, que todo era un bulo, saíndo así unha vez máis no auxilio do Sr. Llano”.

“O paso dos meses déronlle a razón aos comerciantes ambulantes da comarca que manifestaban que esta nova localización traería consigo a desaparición do mercado semanal de Burela, algo recoñecido polo propio Llano na última reunión que mantivo con eles, xa que os postos van a menos, quedando agora nun feito practicamente testemuñal se o comparamos co que realmente era o mercado semanal de Burela”, afirman.

“E agora, despois de todo isto, din preocuparse polos comerciantes e hostaleiros locais, tratando unha vez máis de politizar todos aqueles sectores que consideran que lle poden ser rendibles de cara a futuras citas electorais”. “Como din os veciños máis experimentados no discorrer da vida, o que queira ver que abra os ollos, e que non se deixe despistar polos fogos de artificio”, conclúen dende o PP.

Exit mobile version