Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP investiga o proceso de selección para substitución de veterinarios na Deputación, porque os dous primeiros son os socialistas Sonia Verdes e Xosé Daniel Piñeiro

 Lugo, a 21 de decembro de 2020. O grupo provincial do PP fixo pública hoxe en rolda de prensa, por medio do seu portavoz, Javier Castiñeira, do seu viceportavoz José Antonio García, e do deputado, Óscar Poy, a súa desconfianza diante do proceso selectivo para a substitución de veterinarios na Deputación de Lugo. Un proceso sobre o que os populares, á vista de que os dous primeiros clasificados son coñecidos socialistas que desempeñaron cargos públicos, teñen serias sospeitas, e que consideran pouco ético.

O portavoz popular sinala: “Cremos tremendamente chamativo que os dous primeiros seleccionados para a substitución de veterinarios provinciais sexan, a primeira, a exdeputada socialista e compañeira no seu día de José Tomé no Parlamento de Galicia, a señora Sonia Verdes, e, como segundo clasificado, o exconcelleiro de Medio Ambiente no Concello de Lugo, tamén socialista, o señor Xosé Daniel Piñeiro, que estes días é recordado pola súa pésima xestión da antiga fábrica da luz, pola que o Concello foi condenado hai poucos días a pagar 2,4 millóns de euros á empresa”.

Os populares ven demasiados aspectos rechamantes neste proceso. Castiñeira sinala: “É un proceso no que, cando menos, se aliñean todos os astros e as coincidencias de forma inquietante a favor destes dous socialistas . Así o dicimos claramente”. Os aspectos curiosos saltan á vista xa nos primeiros momentos do procedemento. Castiñeira explica: “O proceso apróbase o mesmo día, miren vostedes que é coincidencia, en que se declara a situación de emerxencia sanitaria en Galicia e o día antes de que se decretara o estado de alarma e publícase en pleno confinamento, o 6 de abril. Todo o mundo sabe que eran momentos moi complexos nos que o goberno provincial levou a cabo contadas actuacións de xestión e, consecuentemente, momentos de pouca actividade administrativa na institución provincial”. Neste sentido é de lembrar que o 15 de marzo do 2020 suspendéronse as sesións periódicas dos órganos colexiados da Deputación (xunta de goberno, pleno da corporación e comisións informativas). Tamén destacan os populares que no tribunal participou o director da granxa, a punto de xubilarse, que é un socialista que foi alcalde de Triacastela.

O mesmo representante do PP manifesta: “É certo que os dous sacaron as maiores notas, tanto no teórico como no práctico; vese que estiveron moi aplicados nese sentido e os dous tamén teñen máis méritos. Pero tamén os dous son os mellores na entrevista persoal, duplicando ao terceiro”.

Castiñeira sinala: “Dende o Partido Popular cremos que falta transparencia neste proceso; existen moitas coincidencias e o resultado é pouco exemplarizante para a Administración”. Destaca o curioso de que “os dous primeiros seleccionados pertenzan a un partido político que é o mesmo que o do principal grupo do goberno provincial”.

Á vista dos aspectos dados a coñecer, Castiñeira anuncia: “Cremos que na Administración é necesaria moita máis transparencia e seguir investigando diante desta situación. Agora o único que falta é que en poucos meses se xubilen dous veterinarios da Deputación de Lugo e que estes dous socialistas pasen a formar parte do cadro de persoal da institución, o cal remataría as coincidencias”.

Exit mobile version