Site icon Crónica3.com A Mariña

O trío Sumrrá ofreceu o segundo concerto do VI Festival de Jazz e Blues de Ribadeo, que pecha este sábado Zenet

 Ribadeo, 9 de decembro de 2020. O trío galego Sumrrá ofreceu na tarde noite de onte, martes, no auditorio municipal ribadense Hernán Naval o segundo concerto da sexta edición do Festival de Jazz e Blues de Ribadeo.
Sobre esa actuación os compoñentes de Sumrrá comentaron: “unha vez máis, atopámonos coa nosa gran familia da Mariña lucense. Vellos coñecidos e novos amigos que voltamos ó calor da música ao vivo no contexto do Festival de Jazz e Blues de Ribadeo. Nestes tempos un concerto coma o de onte pon de manifesto a importancia da Cultura de proximidade e o nivel de resiliencia que ten un sector coma o noso, a cultura, que é capaz de interiorizar todos os protocolos vixentes, garantindo unha xornada de jazz inesquecible. Sendo este de onte un dos nosos últimos concertos-presentación do noso disco 6 mulleres sentímonos moi emocionados da acollida excepcional do público e do trato exquisito da organización. Non nos queda máis que desexar voltar canto antes para presentar o noso próximo disco, que verá a luz neste ano 2021 que pronto comeza”.
O terceiro e último concerto do festival terá lugar no mesmo escenario este sábado, día 12, ás 20:00 horas, a cargo do andaluz Zenet, polifacético artista que foi premio da música ao artista revelación en 2009 e posteriormente logrou varias distincións máis. O seu novo disco, La Guapería, é de versións de boleros cubanos antigos e na semana da súa saída ao mercado entrou no top 10 dos discos máis vendidos en España e acadou o número 7 nas listas.
Ao igual que nos anteriores, para o concerto de Zenet, que é o cabeza de cartel do festival, as entradas son numeradas gardando as distancias de seguridade, con aforo reducido e demais medidas contra o Covid 19. O prezo das entradas e 16 euros e aínda quedan algunhas á venda en www.ataquilla.com.
E tamén dentro das actividades do VI Festival de Jazz e Blues na oficina de turismo de Ribadeo está aberta ao público ata o día 19 deste mes a exposición de fotos de concertos da ribadense Cris Andina.

Exit mobile version