Site icon Crónica3.com A Mariña

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declara nulo o ERE de Alcoa

 Cervo, 17 de decembro, 2020. A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou nulo o ERE de Alcoa por apreciar «mala fe» da empresa nas negociacións. O alto tribunal, polo tanto, asumiu as teses defendidas no xuízo polos sindicatos Comisións Obreiras (CCOO), UGT e CIG fronte ao despedimento colectivo presentado pola multinacional estadounidense.

Mediante este ERE, Alcoa pretendía botar á rúa a 524 traballadores e traballadoras da planta de aluminio de San Cibrao —no concello de Cervo, na Mariña.

Na súa sentenza, o TSXG conclúe que a única pretensión da empresa era paralizar as cubas, xa que iso obrigaría ao peche forzoso. Nesta liña, os maxistrados entenden que a oferta de expediente de regulación de emprego (ERE) que fixo Alcoa consistiría en «vestir o mesmo, pero dunha maneira diferente».

O TSXG tamén aprecia «sumamente significativo» o número de traballadores e traballadoras afectados polo ERE, cunha porcentaxe que se aproxima, sen superalo, a aquel que, segundo as normas regulatorias, lle permitirían a Alcoa consolidar as axudas recibidas das administracións públicas sen ter que devolvelas.

Os maxistrados tamén se refiren ás «supostas concesións» realizadas por Alcoa durante a negociación. Segundo a sentenza, producíronse «coa finalidade de evitar a cualificación de nulidade do despedimento, única que lle impediría levar a cabo a decisión estratéxica de paralización das cubas e o peche da fábrica».

Un gran día para a clase obreira

O secretario xeral de CCOO de Galicia, Ramón Sarmiento, considera esta data como «un gran día para a clase traballadora galega». O dirixente sindical salienta a longa loita dos últimos meses, caracterizada pola unidade sindical, pola unidade social na Mariña, pola unidade institucional en defensa da continuidade da factoría. «Genvidas sexan tamén, as resolucións xudiciais a esa unidade en defensa do emprego na Mariña», apunta Sarmiento.

Para Sarmiento, quedou constatado que Alcoa «obrou de mala fe e persegue intereses espurios», e empraza as Administracións públicas a «facer viable unha alternativa industrial que garanta o emprego na comarca da Mariña».

A CIG acolle con enorme satisfacción a decisión do TSXG de declarar a nulidade do ERE de Alcoa, desbaratando así os plans de despedimento e parada das cubas da multinacional. A sentenza confirma que a nulidade debía ser o resultado final deste proceso debido á mala fe amosada pola empresa durante todo o período de negociacións, como consecuencia da interpretación máis regresiva da reforma laboral.

Pero esta resolución tamén evidencia a necesidade de que o Goberno español e a Xunta de Galiza actúen de forma decidida no camiño de apartar a Alcoa da xestión da fábrica como única garantía real da continuidade industrial e do mantemento de todos os postos de traballo. “Tal e como se reflicte na sentenza do TSXG, Alcoa ten tomada unha decisión e non quere que se siga producindo aluminio primario na Mariña. Por iso, é preciso iniciar xa o proceso para a intervención pública e impedir deste xeito que a empresa poida levar adiante o seu plan de desmantelamento pola vía dos feitos consumados”, asevera o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.

Neste senso, reitera que canto máis demoren os Gobernos nesa necesaria expropiación “máis corresponsábeis serán das decisións que poida adoptar Alcoa”.

Así mesmo, CIG quere pór en valor a enorme capacidade de loita e resistencia dos traballadores e das traballadoras da fábrica de San Cibrao e do conxunto da comarca, que está mobilizándose sen descanso dende que Alcoa anunciou que ía presentar o ERE. Chegar até este punto non sería posíbel sen este tremendo esforzo colectivo.

UGT-FICA-Galicia saúda e valora moi positivamente a sentenza que ven de ditar o TSXG declarando nulo o ERE de Alcoa ó entender que a empresa actuou con mala fe nas negociacións. Así, Alcoa está obrigada a reincorporar ós traballadores afectados e aboarlles os salarios deixados de percibir polo despedimento. Como ben apunta a sentenza, o único fin que guiaba a Alcoa era apagar as cubas, pechar a fábrica da maneira máis rendible posible.

UGT-FICA-Galicia insiste en que, ante esta sentenza, á dirección de Alcoa non lle queda outra que reflexionar e sentarse de novo a negociar pero desta vez co obxectivo de garantir un plan de futuro para a factoría da Mariña e o mantemento dos postos de traballo.

Ás administracións, UGT pídelles coordinación e un traballo conxunto para garantir que Alcoa continúe a producir na Mariña porque o Sindicato insiste en que está claro que Alcoa ten futuro e entre todos os actores implicados hai que traballar por este futuro.

As administracións, tanto a central como a Xunta, non se poden esquecer do importante activo que representa a factoría de San Cibrao, que achega o 30% do PIB de toda a provincia de Lugo, polo que a loita polo seu futuro é obrigada.

Por outra banda, UGT-FICA-Galicia tamén recoñece a valentia da sala do social do TSXG que foi capaz de comprender en todo momento os argumentos achegados polas organizacións sindicais de que a empresa nunca tivo intención de negociar, a súa única pretensión era pechar e marchar de Galicia. Unha vez máis, ten que ser a Xustiza a que teña que poñer freo ó xeito de actuar, baixo a mala fe, de certas multinacionais.

Non obstante, o Sindicato ten claro que a loita non rematou aquí, queda un longo camiño por diante para os representantes dos traballadores e para as administracións. Queda un longo camiño no que Alcoa ten que sentarse coas partes, dialogar e negociar pero, desta vez, baixo o paraugas da boa fe e co fin de garantir o futuro da fábrica.

Exit mobile version