Site icon Crónica3.com A Mariña

Os concellos gobernados polo PP reciben en convenios da Deputación 10 veces menos de asignación que os do PSOE e catro menos que os do BNG, alertan os populares

 Lugo, a 09 de decembro de 2020. O goberno provincial somete aos concellos gobernados polo Partido Popular a unha discriminación evidente en numerosos aspectos da súa xestión. Bo exemplo, din os populares, desta maneira de entender o conceptos de xustiza, equidade e equilibrio na xestión do público polo bigoberno PSOE-BNG son os convenios establecidos cos diferentes concellos da provincia (67), ata totalizar investimentos por importe total de máis de tres millóns. Neste caso é evidente que o goberno presidido por José Tomé non cumpre o aviso habitualmente atribuído a Antonio Maura: “Los buenos gobiernos se conocen cuando lo que hacen vale más que lo que sus opositores dicen”. Os datos apuntados son reveladores e elocuentes: non é un bo goberno o que, como fai o presidido polo socialista José Tomé, discrimina de maneira absolutamente inxusta aos concellos gobernados polo partido con máis representación na Deputación e ao fronte de máis concellos.

O portavoz provincial do Partido Popular, Javier Castiñeira, sinala: “A punto de rematar o ano 2020, seguramente todos coincidimos en que non foi un bo ano para a provincia. A pandemia determinante para a provincia de Lugo, que sufriu intensamente as súas consecuencias sanitarias e económicas, agravadas por unha pésima xestión do goberno da Deputación de Lugo. O bipartito non foi capaz de asumir o liderazgo fronte a esta situación e preferiu seguir na súa actitude retrógrada e partidista, xogando un papel insignificante de cara á saída da crise. Para os concellos pequenos, rurais, aparte da falta de reacción do bipartito provincial, foi frustrante e dolorosa a inxustiza coa que foron tratados; tiveron que ver como se fixo un desproporcionado e inxusto reparto dos fondos provinciais, que non responde á estrutura xeopolítica actual da provincia”. Castiñeira destaca que esa inxustiza na asignación dos recursos “vese máis claramente á hora de repartir o fondo, creado para convenios directos de presidencia en maio deste ano, con 3,5 millóns de euros, que en principio eran para a loita contra a crise da covid”.

O portavoz popular di: “Dese fondo, para concellos gobernados polo PP (32), firmouse unicamente un convenio, por valor de 150.000 euros, é dicir, o 4,2% dos fondos, curiosamente a mesma cantidade que se asignou a municipios pilotados por independentes, que son só cinco dos 67 que temos en Lugo. É fácil imaxinar quen foron os máis afortunados: o BNG, con 713.000 euros, que representan o 19.90% dos fondos, que se se fixo con seis convenios para os catro concellos con alcaldes nacionalistas. E o PSOE, que firmou 14 convenios, por valor de 1,4 millóns de euros, e que significan case a metade dos fondos, un 40,8%, cando so goberna en 26 concellos da provincia. O resto firmouse con entidades de todo tipo ou están pendentes de desenvolver”.

Castiñeira sinala: “Pedimos a este ano que vai entrar máis xustiza e equidade no reparto dos fondos da Deputación de Lugo, especialmente para os concellos pequenos, rurais. Hai que recordar que as deputacións foron creadas para servir aos concellos máis pequenos. Dende o grupo provincial do PP vemos que non só é que se estea baleirando de contido á Deputación, que é así, senón que o máis grave é a asignación de fondos inxustamente para favorecer a uns e discriminar a outros simplemente pola súa condición política”.

Exit mobile version