Site icon Crónica3.com A Mariña

Os días 25 de decembro, 1 e 6 de xaneiro non haberá recollida do lixo en Ribadeo

 Ribadeo, 23 de decembro de 2020. A Concellaría de Medio Ambiente de Ribadeo informa que non haberá recollida de lixo os días 25 de decembro e 1 e 6 de xaneiro. O edil Jorge Díaz fai unha chamada á colaboración veciñal e agradece o traballo realizado polo persoal da súa área nun ano tan complicado coma este, marcado polo covid.
Díaz Freije dixo “quero pedir á veciñanza que os días 25 de decembro e 1 e 6 de xaneiro non saque o lixo á rúa, que procure evitar en todo o posible usar os contedores eses días. Eses días non haberá recollida porque a planta non funciona. Pídolle aos veciños e veciñas que sexan responsables e que traten de ser cívicos e, sobre todo, nestes tempos tan convulsos polo tema do covid, que sexan prudentes e fagan caso ás normas sanitarias en vigor en cada momento”.
O concelleiro de Medio Ambiente manifestou que “como estamos ao remate de ano quería agradecer tamén a todo o persoal das áreas que levo eu, que traballou moi ben neste ano tan complicado, e ao resto do persoal do Concello, tanto de administración como das outras distintas áreas coas que ao final traballamos todo seguido a reo este ano. Quero darlles os meus parabéns, foi un ano de traballo complicado, diferente e moi complexo para sacar os temas adiante”.
O concelleiro engadiu: “tamén quero dar as grazas á cidadanía pola colaboración como sempre coas miñas áreas e en todo en xeral. Quero felicitarlles o Nadal e desexarlles un feliz 2021”.

Exit mobile version